EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Manuel Dios, elixido presidente do Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico

15/11/2016 O Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico reuniuse no no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira. Participaron representantes das cidades de Bragança, Braga, Peço da Regua, Chaves, Vila Real, Verín, Ourense, Santa María da Feira, Guimaraes, Monforte, Ferrol, Vilagarcía, Deputación de Lugo e Santiago de Compostela. Na xuntanza, o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios, foi escollido por unanimidade como presidente deste Grupo.

Na reunión foi presentada a memoria da IV edición da Capital da Cultura, que se celebrou, baixo o lema "Do Douro ao Atlántico", nas cidades de Vila Real e Matosinhos. A valoración foi moi positiva e incidiuse en que se traballará para buscar unha maior implicación das restantes cidades en próximas edicións.

En relación á XI Bienal de Pintura, que se atopa exposta neste momento no Centro Cultural Adriano Moreira de Bragança, terá unha itinerancia ata o próximo mes de abril polas cidades de Vila Nova de Gaia, Porto, Vilagarcía de Arousa, Vila Nova de Famalicão e Barcelos. Esta exposición xa percorreu outras 12 cidades dende a súa inauguración en novembro de 2015. O Eixo Atlántico está analizando a posibilidade de levar a cabo, ao finalizar a XI edición e con motivo da celebración dos 25 anos, unha exposición conmemorativa que recolla as obras premiadas de todas as edicións. De confirmarse, as cidades poderán presentar candidaturas para acollela nos seus contedores culturais.

Outro dos temas tratados foi a V edición da Mostra Musical celebrada en Vilagarcía o pasado mes de maio. Presentouse e aprobouse a candidatura de Vila Real para a VI edición, que se celebrará na cidade portuguesa no mes de maio de 2018.

Para a celebración da II edición do Seminario de intercambio de experiencias no ámbito da Educación foi escollida a cidade de Bragança (Portugal).

Finalmente, a proposta das cidades de Santiago de Compostela e Vila Real, comezarase a traballar para recuperar unha actividade que se tiña realizado hai algúns anos con éxito, como son os intercambios de escolares entre cidades.

Compartir: