TURISMO

Santiago de Compostela promociónase en Asia da man do Grupo de Cidades Patrimonio e Turespaña

15/11/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade continúa a súa promoción da man de Turespaña no mercado asiático con dúas accións comerciais que se desenvolveron entre o 11 e o 15 de novembro na República Popular China.

A primeira das actividades foi a participación na feira CITM 2016 (China International Travel Mart), que se celebrou do 11 ao 13 de novembro no Xangai New International Expo Center de Xangai. A presenza do Grupo na feira, unha das máis importantes de Asia, foi organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Pequín e durante a mesma, un técnico de turismo de do Grupo dispuxo dunha zona de traballo dentro da caseta de Turespaña, onde puido mostrar de primeira man os destinos excepcionais e a riqueza cultural e patrimonial das 15 cidades tanto a profesionais do sector como a público xeral.

A promoción continuou este martes en Cantón, motor económico do xigante asiático e principal foco emisor de turistas do país ao estranxeiro, onde tivo lugar unha presentación directa dos 15 destinos a 70 turoperadores, axencias de viaxes e medios de comunicación convocados ao acto pola Oficina Española de Turismo de Cantón.

Mercado chinés
O mercado emisor chinés ten un gran potencial e prevese que se manteña a evolución positiva que vén marcando. O perfil do turista asiático responde a persoas de idade media, cun poder adquisitivo medio-alto, interesados na cultura e a tradición local e que están moi influídos pola seguridade á hora de elixir destino.

Nos oito primeiros meses de 2016 visitaron España 240.000 turistas chineses e, segundo a estimación de Turespaña, a porcentaxe de achega deste mercado ao número total de turistas recibidos en España e ao número de pernoctas triplicouse nos últimos cinco anos.

O turismo cultural e histórico é unha compoñente clave nas súas viaxes, unido ao turismo de compras, gastronómico/enolóxico, os servizos de alto nivel e as excelentes conexións. Está a observarse ademais un novo segmento de demanda coa aparición dun novo perfil de turista chinés: os milenials, mozos de clase media-alta que están a transformar radicalmente o turismo emisor chinés e cuxo peso seguirá crecendo nos vindeiros anos.

Accións en Asia
No marco do activo convenio que o Grupo mantén con Turespaña, séguense realizando importantes accións para presentar e reforzar a presenza dos destinos das 15 cidades nestes mercados. O pasado mes de setembro, o Grupo participou tamén na feira JATA de Tokio e, en outubro, na ITB Asia, en Singapur.

Ademais da participación en feiras, destacan as presentacións directas ante turoperadores e a medios. A de Cantón únese a realizadas o pasado mes de xuño en Seúl (Corea do Sur), Tokio (Xapón) e Manila (Filipinas).

Compartir: