ACCIÓN CULTURAL

Chega a Cineuropa "Forushande (The salesman)", o último de Asghar Farhadi

15/11/2016 A principal estrea da xornada do xoves en Cineuropa será Forushande (The salesman), o último filme do iraniano Asghar Farhadi, autor de Le passé e Nader e Simin: unha separación, entre outras.

Asghar Farhadi tennos afeitos a un cine de sutil crítica social que non abandona na súa última obra. Parte dun conflito de parella causado por un terceiro, para afondar en temas como o sentimento de culpa, a vergoña e a humillación nunha sociedade desigual como é a iraniana. O título fai referencia a Morte dun viaxante,, de Arthur Miller. Os protagonistas son actores e, mentres viven a súa historia, representan o fracaso do outrora idealista Willy Loman, que se parece demasiado ao de calquera de nós. A película proxectarase no Teatro Principal ás 21:30 horas.

Ás 16:45 horas, no Salón Teatro, teremos outra estrea: o último de Bertrand Tavernier, Voyage à travers le cinéma français (As películas da miña vida). Parcialmente inspirado nos documentais realizados por Scorsese sobre o cine americano (A personal journey with Martin Scorsese through American movies, 1995) e italiano (Il mio viaggio in Italia, 2001), Tavernier traza un persoal e apaixonante percorrido pola historia do cine francés entre os anos 30 e 70 de alto valor didáctico, que destila verdadeiro amor polo cine.

No mesmo Salón Teatro, ás 20:00 horas, teremos a oportunidade de conversar de novo co actor Nathan Willcocks, que visita o festival para presentar Compte tes blessures, a suxestiva ópera prima do novel Morgan Simon. Pola súa banda, o Cinema Numax, ás 20:00 horas., recibirá á produtora Beli Martínez para presentar Visións, unha película colaborativa formada por dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra.

Poderemos asistir aos segundos pases de Love & friendship (Amor e amizade), de Whit Stillman (no Teatro Principal ás 19:45 horas); Pepe Mujica – Der Präsident, de Heidi Specogna, valorada polo público cun 7,91 (ás 22:15 horas no Cinema Numax); e aos últimos de La guardería, de Virginia Croatto, valorada polo público do festival cun 7,94 (no Teatro Principal ás 18:00 horas); Dog eat dog, de Paul Schrader (Principal ás 23:30 horas); Cómo funcionan casi todas las cosas, de Fernando Salem (Cinema Numax ás 16:00 horas); e The neon demon (O demo de neón), de Nicolas Winding Refn (ás 21:30 horas no Salón Teatro).

Direcciones relacionadas



Compartir: