SAÚDE

Concello e Médicos do Mundo presentan o informe de vulneracións na atención sanitaria a persoas migrantes

15/11/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e o secretario de Médicos do Mundo, Brais Barcia, presentaron hoxe un informe de avaliación do acceso das persoas migrantes aos servizos de saúde en Galicia durante o 2015.

Médicos do Mundo leva cinco anos realizando este informe e, nesta ocasión, faino co amparo do Concello de Santiago ao abeiro dun convenio asinado hai algunhas semanas para a atención das persoas migrantes.

Concha Fernández destacou que este documento de Médicos do Mundo "recolle aquelas vulneracións do dereito de acceso á saúde das que tiveron constancia coa poboación migrante, principalmente casos de menores de idade, mulleres embarazadas ou persoas maiores de 65 anos, é dicir, a nivel xeral mais tamén todas as vulneracións que se producen nos grupos de maior vulnerabilidade dentro da poboación migrante".

A concelleira de Políticas Sociais reivindicou "recuperar o principio de universalidade na atención sanitaria das persoas migrantes". "Como concelleira –engadiu- tócame reivindicar algo no que creo e que sempre digo cando teño ocasión: unha Atención Primaria de calidade e cunha boa dotación de recursos económicos, e sobre todo humanos, que debe orientar a organización dos sistemas de saúde. Só un sistema de saúde universal, gratuíto e xusto pode garantir a universalidade dun servizo esencial, a súa calidade e equidade".

Segundo o informe presentado, houbo un total de 2.496 vulneracións do dereito á saúde durante os catro anos que se fixo este informe. A maior parte destas vulneracións prodúcense en relación ás persoas migrantes maiores de 65 anos, xa que "os ascendentes dunha persoa asegurada perderon o dereito a estar cubertos pola Seguridade Social", tal e como indicou Brais Barcia.

O secretario de Médicos do Mundo insistiu ademais en que "as persoas migrantes teñen medo a litigar contra o Estado por se iso supón un obstáculo á hora de regularizar a súa situación". Tamén explicou que "ningún seguro privado quere asegurar a estas persoas, e tan só un establece algún tipo de cobertura con prezos absolutamente prohibitivos".

Compostela Máis
A concelleira de Políticas Sociais lembrou que o compromiso do Concello coas persoas migrantes non se manifesta só co convenio asinado con Médicos do Mundo. Concha Fernández explicou que a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, Compostela Máis, incorpora axudas para persoas migrantes independentemente da súa situación administrativa.

Documentos relacionados



Compartir: