ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello apoia a incorporación de Cogami ao proxecto Liberty Responde

15/11/2016 O Concello de Santiago foi hoxe escenario do acto polo que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade formalizou a súa adhesión ao programa Liberty Responde, unha iniciativa posta en marcha polo Grupo Liberty Seguros e a Fundación Konecta co obxectivo de mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidades sobrevidas. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foi o anfitrión da presentación, na que participaron o vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo; o director de Patrocinios e RSC do Grupo Liberty Seguros, Álvaro Ferrol; e a coordinadora de Proxectos da Fundación Konecta, Olivia Salido.

O concelleiro de Espazos Cidadáns mostrou o respaldo do Concello a este acordo, "porque está enmarcado na filosofía do Goberno de que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e poidan acceder á mesma calidade de vida". Jorge Duarte explicou que o programa Liberty Responde vén a completar iniciativas impulsadas dende o Executivo local "como o programa de ascensores, o plan de accesibilidade ou o convenio de colaboración con Cogami para o asesoramento en materia de accesibilidade".

Nesa liña, o vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade agradeceu o compromiso do Concello de Santiago coa accesibilidade, e reivindicou o acto desta mañá como "unha denuncia de que segue habendo persoas que se enfrontan a moitas dificultades no seu día a día, e unha cidade que é capital de Galicia está obrigada a ser accesible para todos e todas". Ramón Sestayo lembrou que "a maioría das vivendas e lugares de traballo seguen sen ser accesibles", e incidiu en que colaboracións como a subscrita hoxe "poñen a experiencia duns a disposición doutras persoas na mesma situación, así como o coñecemento de técnicos que poden resolver as súas dúbidas e indicar cal é a mellor maneira de adaptar o seu contorno limitante ás súas novas realidades".

Axuda personalizada
O programa Liberty Responde xurdiu hai dous anos, e ten como obxectivo poñer a disposición das persoas con discapacidades sobrevidas un informe personalizado, elaborado por un equipo de expertos, que dea responsa práctica a cuestións como a accesibilidade no fogar e nas zonas comúns de edificios de vivendas, axudas técnicas, transporte adaptado, subvencións, ou normativa en materia de accesibilidade. Aínda que orixinalmente estaba pensado para persoas que sufriran unha lesión medular tras un accidente ou un proceso médico, na actualidade ampliouse a persoas con outras discapacidades adquiridas ou dano cerebral adquirido.

O director de Patrocinios e RSC do Grupo Liberty Seguros, Álvaro Ferrol, salientou que "Liberty Seguros vive moi próxima a realidade das persoas que sofren lesións medulares en accidentes de tráfico, e de aí o seu compromiso con iniciativas coma esta". Por iso, mostrou a súa intención de que o programa Liberty Responde siga medrando con adhesións coma a de Cogami e co apoio de institucións como o Concello de Santiago.

Pola súa parte, a coordinadora de Proxectos da Fundación Konecta salientou a relevancia que adquire un servizo como Liberty Responde "para estas persoas que nun momento de gran vulnerabilidade precisan solucións técnicas concretas que lles axuden a adaptarse á súa nova realidade, especialmente no ámbito da arquitectura, a domótica e a ergonomía en áreas como o fogar, os postos de traballo ou o transporte adaptado.

O proxecto Liberty Responde botou a andar hai dous anos, e conta coa participación do Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo, Aspaym Madrid, o Ceadac. FAMS-COCEMFE-Sevilla, e agora Cogami. O servizo compleméntase cunha liña telefónica gratuíta (900 844 443) e unha dirección de correo electrónico (libertyresponde@grupokonecta.com). As consultas son atendidas por un técnico, que as deriva a especialistas arquitectos, enxeñeiros ou expertos en accesibilidade e que teñen o compromiso de respondelas nun prazo de seis días.

Compartir: