ACCIÓN CULTURAL

Chega a Cineuropa a agardada "Lady Macbeth" de William Oldroyd

09/11/2016 A programación de Cineuropa do xoves 10 de novembro inclúe a proxección do agardado filme Lady Macbeth, de William Oldroyd, no Teatro Principal. Alí tamén se estreará Aquarius, de Kleber Mendonça Filho, que supón o rexurdimento interpretativo da gran Sonia Braga.

A programación deste xoves dará comezo simultaneamente no Teatro Principal e no Salón Teatro con Actrices, de Valeria Bruni Tedeschi, e Du côté d'Orouët, de Jacques Rozier, respectivamente. Trinta minutos despois, abrirá o Cinema Numax as súas portas cun interesante programa de curtas e a estrea doutra das grandes seccións deste ano, Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia. No marco desta sección proxectaranse dous documentais sobre este grupo guerrilleiro uruguaio, quizais o máis descoñecido de cantos loitaron contra a represión do Cono Sur.

Pola súa parte, Memorias de mujeres, de Virginia Martínez, céntrase nas testemuñas de varias mulleres que permaneceron presas no Penal de Punta de Rieles durante a ditadura militar establecida en Uruguai entre 1973 e 1985. Finalmente, Tupamaros amosa o proceso de Pepe Mujica e outros líderes guerrilleiros que pasaron anos en prisión antes de iniciar unha fecunda carreira política.

Ás 18:15 horas, no Teatro Principal, poderemos asistir á proxección dunha das películas máis provocadoras do festival, Helmut Berger, actor, de Andreas Horvath, un documental que escandalizou en Venecia sobre a decadencia do outrora galán Helmut Berger, protagonista, entre outras, de Ludwig ou A caída dos deuses, de Visconti.

Aquarius, o rexurdimento interpretativo da actriz Sonia Braga dirixido por Kleber Mendonça Filho, proxectarase ás 20 horas no Teatro Principal. O filme gustou en Cannes cunha historia non exenta de certa metáfora política sobre o Brasil actual.

No mesmo recinto estrearase a Lady Macbeth de William Oldroyd, unha mostra de cinema reivindicativo de xénero nun século XIX sen academicismos. A salientar sobre todas as cousas a interpretación dunha tremenda e ata agora descoñecida Florence Pugh.

O Cinema Numax ofreceranos ás 22:15 horas a estrea de Il Solengo, un documental de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis que obtivo o Premio Cidade de Lisboa á mellor película no Festival Internacional Doclisboa 2015.

Respecto ao resto da programación, haberá novos pases de Las Furias e El ciudadano ilustre, valorada esta cun 7,95 polo público de Cineuropa. Por último, no CGAC, Elle a passé tant d'heures sous les sunlights, unha xoia cinematográfica de Philippe Garrel con entrada libre.

Direcciones relacionadas



Compartir: