MOCIDADE

Abre o Centro Xove da Almáciga con actividades para a mocidade durante 11 horas ao día

09/11/2016 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, visitou esta mañá cos medios de comunicación a nave do Centro Xove da Almáciga, que logo pola tarde inaugurou o alcalde, Martiño Noriega.

Noa Morales explicou que "con este espazo, a mocidade de Santiago terá un lugar específico para desenvolver as súas actividades". A concelleira lembrou que se trata "dunha demanda histórica da xente moza de Compostela" e destacou que a nave albergará unha chea de actividades de música, teatro, cine ou circo, entre outras.

A acollida está a ser moi boa entre os mozos e mozas de Compostela e xa hai solicitudes para o desenvolvemento de actividades. Dende o Concello programáronse diferentes eventos ata o mes de decembro, como tres espectáculos e 11 actividades formativas. Está previsto desenvolver cinco concertos, un espectáculo de maxia e unha xornada de ocio alternativo.

Actividades formativas
Durante os meses de novembro e decembro desenvolveranse nove cursos formativos de 12 horas de duración sobre diferentes temas para a mocidade de entre 16 e 35 anos como: oratoria, escritura creativa, expresión corporal, técnica vocal, batería moderna, zentangle, ilustración, percusión africana, iniciación á escultura, monográfico sobre a historia do rock e catro masterclass de guitarra eléctrica, española, teclado e canto.

Equipamento aberto e dinámico
O Centro Xove de Creación Cultural nace coa clara intención de constituírse como un equipamento aberto e dinámico no que convivan dende as expresións artísticas máis diversas e vangardistas propostas polos creadores de Compostela, a cursos, servizo de autoedición, informacións de todo tipo, axenda de actividades de cada mes, intercambios con outras cidades, servizo de apoio para a montaxe, creación e difusión de espectáculos, espazos para expoñer; así como o espazo dedicado á música, co establecemento dos novos Locais Municipais de Música para a Mocidade de Compostela.

Preténdese que estes espazos municipais sirvan tamén de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo.

Trátase pois de crear un soporte estable, con medios accesibles, xerado polo Concello de Santiago a través do servizo municipal de Xuventude, na perspectiva da racionalización dos recursos existentes na cidade, ben sexan os directamente municipais ou presentes no conxunto da cidade, dependentes doutras institucións e do sector privado.

O Centro Xove é un proxecto que vén de lonxe e que foi financiado con fondos europeos FEDER vinculados ao programa Urbana Santiago Norte. Deste xeito, os usos do espazo teñen que estar obrigatoriamente vinculados coa mocidade.

Compartir: