ACCIÓN CULTURAL

Aberta a 30ª edición do festival Cineuropa

08/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou a 30ª edición de Cineuropa, nun acto no que tamén participou o director do festival, José Luis Losa. A continuación da cerimonia inaugural, presentada por Moncho Lemos, o público asistente puido ver o filme El ciudadano ilustre, de Gastón Duprat e Mariano Cohn.

A segunda xornada do festival, que ofrece ata 21 filmes, comezará ás 16:00 horas no Teatro Principal con Safe, de Todd Haynes, unha peza do autor da recoñecida Carol merecidamente rescatada, cinema de culto en toda regra. Á mesma hora, no CGAC, dará comezo unha tarde dedicada ao ciclo O polar: a idade de xeo no cinema negro francés, e ao recentemente falecido Paul Cox, coa proxección de Lonely Hearts.

Ás 18:15 horas, no Principal, terá lugar a primeira estrea do día con The nine, de Katy Grannan e Hannah Hughes, un filme de seres perdidos nunha paisaxe árida, en palabras do director de Cineuropa, José Luis Losa, "que parecen extraídos dunha páxina de Faulkner ou de Steinbeck". A película, seleccionada no prestixioso festival suízo Visions du Reel, estréase en exclusiva aquí, en Cineuropa.

De seguido, ás 20:00 horas, o mesmo Principal acolle a estrea de Frantz, o novo de François Ozon, un dos nosos, que volve a Cineuropa tras a inauguración de 2014 con Une nouvelle amie. Ozon continúa en plena forma e plantexa en Frantz un dos seus xogos habituais coa fascinación entre estraños e a suplantación de personalidades.

Las Furias, ópera prima do dramaturgo e director teatral Miguel del Arco, proxectarase tamén no Teatro Principal ás 22:00 horas. O filme está protagonizado por dous Premios Cineuropa do talle de Bárbara Lennie e José Sacristán, secundados por un elenco de luxo no que destacan Emma Suárez, Mercedes Sampietro, Carmen Machi ou Alberto San Juan.

Le fils de Jean, de Philippe Lioret, pasarase no Salón Teatro ás 22:00 horas. Lioret, lembrado e moi celebrado no Cineuropa de 2009 por Welcome, cun Vincent Lindon combatindo o drama dos migrantes perseguidos, incide nesa mesma emotividade coa historia dun mozo na procura da súa identidade cando lle comunican a morte dun pai ao que nunca coñeceu.

A sección Latido Americano, unha das máis prezadas polo equipo do festival, inaugúrase cunha delicatessen arxentina, Cómo funcionan casi todas las cosas, de Fernando Salem. A historia dunha moza que vende enciclopedias de porta en porta para acadar os cartos que lle permitan viaxar a Italia para reencontrase coa súa nai, foi premiada no Festival Mar del Plata como mellor película.

Do resto da programación do día é de obriga salientar Las sinsombrero, de Serrana Torres, Tània Balló e Manuel Jiménez, un documental sobre Concha Méndez e a nosa Maruja Mallo, mulleres felizmente libres da Xeración do 27; Quilapayún, mas allá de la canción, de Jorge Leiva, unha viaxe musical entre épica e nostálxica ao Chile da revolución ao que o grupo Quilapayún puxo banda sonora; Portugal - um dia de cada vez, dirixido por João Canijo e Anabela Moreira, unha visión personalísima do Portugal profundo; e Violette Nozière (prostituta de día, señorita de noche), un filme casi maldito de Claude Chabrol en cuxa defenestración española seguramente tiveron algo que ver os cerebros da distribución que lle puxeron ese título.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: