FACENDA E MOCIDADE

Quince propostas dos OP de Mocidade serán incluídas no borrador dos orzamentos para 2017

08/11/2016 Encontros interculturais e de cultura urbana, cine ao aire libre, lecer alternativo ou propostas que impulsan a igualdade de xénero figuran entre as propostas máis votadas dos orzamentos participativos de Mocidade, unha vez rematado o prazo para elixir as propostas. Unha comisión técnica e veciñal fará seguimento das propostas finalistas, que se incluirán no borrador do Orzamento municipal de 2017. Do resultado do proceso deron conta en rolda de prensa as concelleiras de Facenda, María Rozas, e de Mocidade, Noa Morales.

Ao remate do proceso dos orzamentos participativos, cos resultados xa das propostas de actividades máis votadas en Mocidade, a concelleira de Facenda, María Rozas, lembrou que o Goberno local ten "o compromiso coa veciñanza de incluílos no borrador de Orzamentos para 2017, e así o levaremos a pleno".

Rozas amosou a súa satisfacción pola participación acadada, malia a que "os tempos foron apurados e houbo que retrasar o inicio do proceso por mor da campaña electoral". En total, foron 1.726 persoas as que participaron, con dereito a voto, no proceso de Compostela Decide, sendo a área rural a que máis participación acadou. Ao longo destes meses, dende xuño, 145 persoas participaron propoñendo, debatendo ou axudando a autorregular o proceso nos encontros do grupo motor, da mesa de propostas ou nas asembleas presenciais.

A concelleira quixo lembrar que "na experiencia pioneira dos orzamentos participativos, en 1989 en Porto Alegre, participaron 400 persoas. Quince anos despois eran 20.000, e a día de hoxe son centos de miles". Trátase, para Rozas, "dun proceso de maduración no tempo, de aprendizaxe política e técnica e tamén para toda a xente interesada en participar".

Rematada a fase de votación, o proceso continúa coa convocatoria dunha comisión de seguimento das propostas finalistas ao longo do próximo ano. A concelleira de Facenda explicou que esta comisión terá dous perfís: político a través do Consello de Relacións veciñais e técnico e veciñal, para analizar e controlar o estado e o desenvolvemento de cada proxecto. Confirmou que as persoas cuxas propostas saíron finalistas "amosaron xa o seu interese en estar no proceso", pero tamén veciños e veciñas con propostas que non foron as máis votadas.

A Administración local, espazo privilexiado para os OP
O domingo rematou o proceso de votación das actividades de Mocidade, onde podían participar todas as persoas que tivesen entre 16 e 35 anos e estivesen empadroadas en Santiago ou ben estudasen na cidade. A participación incrementouse a respecto do proxecto piloto do ano pasado, e foron 148 as persoas mozas que votaron neste exercicio, priorizando 10 propostas das 49 que había para escoller.

Os 100.000 euros para Mocidade supoñen, en palabras da concelleira de Mocidade, Noa Morales, unha "moi boa ferramenta de participación directa para a mocidade, sobre todo a nivel local". "Os orzamentos participativos encontran un espazo privilexiado para poder implementalos, xa que é a administración coa que a cidadanía, a mocidade neste caso, ten o contacto máis directo".

En total, as propostas de actividades presentadas sumaban 372.000 euros, polo que se escolleron as quince máis votadas:

1. II Encontro internacional da cultura xamaiquina, africana e galega.
2. Aulas de autodefensa para mulleres.
3. Ciclo de cine ao aire libre.
4. Elas tamén pintan.
5. Boas Noites: lecer nocturno para a xuventude. Compartindo talento e creando rede.
6. Aulas de educación canina e actividades con cans.
7. As Cancelas Primavera Fest.
8. Curso de Lingua de Signos Española LSE.
9. Mes da cultura urbana - Obradoiros de breakdance,graffiti, parkour, skate, beatbox, rap, turntablism e personalización de gorras trucker.
10. Tamén é machismo.
11. Campamento Xuvenil Urbano.
12. Espazos Resistencia_Humanización de Espazos en edificios de uso colectivo.
13. Festival de Músicas do Mundo.
14. Xornadas Lúdicas de Ocio Alternativo.
15. Club de xogos de mesa, estratexia e rol.

Compartir: