EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"Vivir Santiago" ofrece diversas actividades para que o alumnado coñeza o patrimonio da cidade

08/11/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá o programa Vivir Santiago, que ofrecerá ao alumnado de primaria e secundaria do concello unha serie de actividades que teñen como obxectivo coñecer o patrimonio de Compostela.

Entre as actividades ofertadas destaca unha visita guiada ao Concello dunha duración de 60 minutos e cun obxectivo: coñecer o edificio histórico e o funcionamento administrativo. Visitaranse diferentes espazos, servizos e bens patrimoniais que hai na casa consistorial. Preténdese deste xeito que o alumando coñeza a organización social da súa contorna próxima e as súa estrutura de goberno, identificando as funcións e servizos dos seus diversos organismos. Estas visitas faranse todos os luns.

Tamén se realizará un percorrido histórico pola cidade co obxectivo de identificar os principais períodos históricos presentes na configuración da cidade. Con saída do miradoiro situado no parque da Alameda, o percorrido continúa pola Porta Faxeira, praza do Toural, rúa Nova, Mazarelos, rúa do Castro, Quintana e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro. A actividade, cunha duración de 75 minutos, está dirixida a centros educativos de educación primaria e secundaria e realizarase os martes.

Patrimonio funerario
Os mércores será a quenda do itinerario polo cemiterio municipal de Boisaca, cos obxectivos de achegar o seu patrimonio á comunidade educativa. Ten unha duración de 90 minutos. No caso de Santiago de Compostela, á hora de abordar unha análise sobre o patrimonio funerario é necesario falar das máis de media ducia de mámoas e antas que se espallan polas 29 parroquias do concello.

Enterramentos megalíticos que serían os antecedentes prehistóricos dos sepulcros medievais, sendo o sartego máis coñecido o do Apóstolo Santiago da Catedral. Un percorrido no que tampouco debemos esquecer o Panteón de Galegos Ilustres, recintos xa desaparecidos ou en desuso e os camposantos das parroquias. Ademais, tamén é preciso facer referencias tanto á literatura como á cultura inmaterial. Ritos, lendas e tradicións propias da cidade como a que di que ata finais do século XIX os enterros se realizaban nas primeiras horas da noite, cun silencioso cortexo acompañando á persoa defunta; ou mesmo a través dos nomes dos lugares, de topónimos e microtopónimos.

Na entrada principal da necrópole trataranse temáticas relacionadas cos antecedentes de Boisaca, as fases construtivas e a tipoloxía arquitectónica. Posteriormente, proseguirase cun percorrido polo interior do recinto, cunha serie de paradas a través das que se analizará a súa distribución e organización, con especial fincapé nas zonas verdes e nos seus usos. Tipoloxicamente, analizaranse as diversas sepulturas e os materiais construtivos, así como artistas e obradoiros: autores como Asorey, Cástor Lata, Eduardo Parrado, Garabal, José Cao, Manuel Miranda, Suso León ou Manuel García; e marmoristas como Eiroa, Carracedo ou Barral.

Ademais, Manuel Dios anunciou "a posta en marcha dunha actividade colaborativa aberta a toda a cidadanía coa que se pretende afondar nas particularidades do camposanto coñecidas pola veciñanza. A través dun apartado na web municipal e das redes sociais, cada persoa poderá aportar información empregando o hashtag #BoisacaEnRede.

Alameda e percorridos ambientais
Os xoves é a quenda dos itinerarios guiados pola Alameda, co obxectivo de coñecer a súa historia e de identificar os principais bens escultóricos e arquitectónicos. Con saída da escultura das Marías, obra de César Lombera, proseguirase cara a de Valle-Inclán, a Leiteira, Rosalía, o edificio da actual gardaría de Santa Susana, a igrexa e o palco da música. A actividade ten unha duración de 60 minutos.

Finalmente, os venres haberá unha serie de visitas comentadas polas instalacións exteriores e interiores da EDAR e da ETAP, co fin de concienciar e reflexionar sobre a importancia do uso controlado da auga e do seu uso sostible, da xestión e da protección da auga doce, contribuíndo así a formar cidadáns responsables.

A actividade está dirixida a alumnado de educación primaria e secundaria, ten unha duración de 90 minutos e farase de acord6o cun calendario de visitas fixado cos técnicos das estacións.

Formación do profesorado e novos itinerarios
Por outra banda, estase a traballar na preparación dun curso de formación de profesorado, nunha xornada sobre o proceso de desenvolvemento de Santiago de Compostela e na creación doutros itinerarios monográficos.

Estes estarían centrados no estilo barroco, no urbanismo da cidade e en artistas. Dende as súas orixes, Santiago de Compostela tivo unha estreita vinculación con múltiples artistas. Profesionais das belas artes naturais da cidade ou procedentes doutras terras deixaron unha profunda pegada. Unha pegada que se intensificou no século XIX, ademais de pola Universidade, por organismos como a Real Sociedade Económica do País, o Recreo Artístico ou a Escola de Artes e Oficios. Por iso, coa creación e posta en marcha do itinerario Artistas en Compostela preténdese dar a coñecer e poñer en valor o nome de homes e mulleres que traballaron a pintura e a escultura. Un percorrido didáctico no que haberá tres tipos de paradas: as biográficas, relacionadas coa vida e produción de artistas (vivendas, estudios, obras...); as institucionais, é dicir, organismos que facilitaron e promoveron a educación artística; e as sociais, principalmente lugares nos que expoñían obras ou onde se reunían os/as artistas.

Documentos relacionados



Compartir: