CONSORCIO

Iñaki Martín e Francisco Alonso impartirán clases a vindeira semana na Escola de Altos Estudos Musicais

07/11/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana estarán na escola o percusionista madrileño Iñaki Martín e o fagotista valenciano Francisco Alonso. Formarán nestes instrumentos tanto a estudantes da Escola como a alumnado externo interesado en perfeccionar a súa interpretación.

As clases con Iñaki Martín celebraranse o luns 14 e o martes 15. E as sesións con Francisco Alonso terán lugar o martes 15 e o mércores 16. O alumnado externo ao centro que desexe participar nestas clases poderá matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Deberá estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio.

Profesor de percusión no Conservatorio de Sevilla
Iñaki Martín fórmase no Conservatorio Superior de Música de Madrid e amplía os seus estudos en Ámsterdam. Tras colaborar con diversas orquestras españolas, está integrado na Real Orquesta Sinfónica de Sevilla dende a súa fundación, en 1991. Ademais, dirixe o departamento de percusión do Conservatorio Profesional de Sanlúcar La Mayor (Sevilla). É solicitado con frecuencia por orquestras novas de todo o país para a formación de futuros percusionistas.

Profesor de fagot na Escuela Superior de Música Reina Sofía
Francisco Alonso comezou os seus estudos musicais en Valencia e continuou a súa formación en Alemaña. Na actualidade é profesor asistente e de perfeccionamento orquestral da Cátedra de Fagot na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), da Xove Orquestra da Unión Europea e tamén da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias. Coa Filharmónica de Berlín realizou xiras por Europa, Estados Unidos e Xapón. Dende 1998 é solista da Orquesta Sinfónica de Madrid baixo a dirección do mestre Jesús López Cobos.

Compartir: