FACENDA E ESPAZOS CIDADÁNS

O Ministerio de Facenda informa dos pasos a dar polos concellos seleccionados na convocatoria EDUSI

04/11/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, participaron hoxe en Madrid na segunda xornada do VI Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas, RIU. O principal obxectivo do encontro era que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas informara dos pasos a seguir polos concellos aos que lles veñen de ser asignados fondos europeos para a aplicación das súas Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado. No caso de Santiago, esa achega será de dez millóns de euros, o máximo previsto para as cidades de entre 50.000 e 100.000 habitantes.

Na reunión de hoxe, os representantes do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas empezaron a desvelar algunhas incógnitas no que ten que ver cos prazos para o desenvolvemento da EDUSI. A primeira directriz é que os concellos non poderán dar ningún paso ata que a resolución definitiva da convocatoria de axudas estea publicada no BOE, unha vez que o Ministerio resolva as alegacións presentadas.

A partir de aí, será preciso elaborar un Manual de Procedementos que terá que ser validado por Facenda, e posteriormente iranse incorporando a ese documento as accións que os concellos queiran desenvolver ao abeiro da EDUSI. A súa incorporación tamén debe ser validada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Un dos requisitos á hora de seleccionar as actuacións concretas será que se respecte a proporcionalidade do investimento que vai ser destinado a cada unha das liñas estratéxicas que figuraban na candidatura presentada polos concellos.

Compartir: