ALCALDÍA

Compostela súmase á Declaración pola Xestión Pública da Auga

04/11/2016 O alcalde de Santiago sumouse hoxe á Declaración pola Xestión Pública da Auga, aprobada no marco do I Encontro de Cidades pola Auga Pública, celebrado onte e hoxe en Madrid. Martiño Noriega participou ademais nunha mesa redonda, xunto cos rexedores de Madrid, Manuela Carmena; Barcelona, Ada Colau; Valencia, Joan Ribó; Zaragoza, Pedro Santisteve; Córdoba, María Isabel Ambrosio; Valladolid, Óscar Puente; A Coruña, Xulio Ferreiro; Terrassa, Jordi Ballart; e Arganda del Rey, Guillermo Hita. Como moderadora exerceu a delegada de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello de Madrid, Inés Sabanés.

A declaración aprobada hoxe sinala que a "a auga e os seus ecosistemas asociados son bens comúns que non poden ser obxecto de apropiación en beneficio de intereses privados, polo que deben ser xestionados con solidariedade, sostenibilidade e cooperación mutua, acceso colectivo, equidade e control democrático". Os asinantes asumen que "o abastacemento de auga é un dereito humano, e debe ser universal, garantindo un mínimo vital a todas as persoas que nunca será recortado por motivos económicos e sociais". Nesa liña, a declaración sinala que se deben propoñer "novas formas de control social que garantan a participación cidadá efectiva", rexeitando así a privatización dos servizos do ciclo integral urbano da auga e apoiando os procesos de remunicipalización que se están levando a cabo en diferentes cidades e pobos.

A Declaración pola Xestión Pública da Auga apunta que as administracións locais "teñen a responsabilidade de adoptar as decisións oportunas para asegurar a sostenibilidade do ciclo integral da auga, e poñer os medios para que, dende a xestión pública, se presten os servizos cumprindo os estándares de calidade e eficiencia. Por último, os alcaldes asinantes do texto mostran o seu apoio á constitución da Rede de Cidades pola Auga Pública, que permita a posta en común dos problemas existentes na xestión da auga e de cara á súa solución, e que propoña actividades de interese común.

Compartir: