POLÍTICAS SOCIAIS

Concha Fernández abriu o XVI Encontro de Autoxestores de Fademga

04/11/2016 Autoxestores de 14 entidades galegas da discapacidade intelectual (Aceesca, Ámbar, Amipa, Aspadisi, Juan María, Aspanaex, Aspas, Aspnais, Aspronaga, Chamorro, Fademga, Juan XXIII, Pai Meni e Prodeme) participan hoxe no seu encontro anual, que nesta ocasión reúne no Hotel Congreso (Montouto) a máis de 130 persoas con discapacidade intelectual e persoas de apoio.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, inaugurou este XVI Encontro de Autoxestores de Fademga, nun acto no que tamén participaron Manolo Costa, asesor de programas educativos da Consellería de Educación; Noela Blanco, portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia; e Eladio Fernández, presidente de Fademga Plena Inclusión Galicia.

Concha Fernández foi a primeira en animar as persoas autoxestoras alí presentes ao indicar que "hoxe vós sodes os protagonistas e sodes tamén un estímulo para todos nós, un faro que ilumina o camiño que debemos seguir os que temos a responsabilidade de deseñar as políticas públicas. No día a de hoxe, tócanos escoitar, aprender e responsabilizarnos para garantir a igualdade de oportunidades, a participación e o acceso aos servizos sociais. Debemos estar á vosa altura e pensar e desenvolver políticas de altura".

Pola súa banda, o presidente de Fademga, Eladio Fernández, fixo fincapé na inclusión, que "non parte só da persoa con discapacidade, senón da sociedade. A sociedade é a primeira que ten que incluírse, recoñecer e entender as diferenzas que hai entre todos. Pola nosa parte, nós reunirémonos con tódolos grupos políticos para que coñezan e comprendan de primeira man as implicacións da discapacidade intelectual".

Este ano, o encontro conta con varios obradoiros que traballarán sobre campañas de sensibilización, proxectos de accesibilidade cognitiva na contorna, voluntariado, formación en dereitos a familias e profesionais e formación sociolaboral na universidade.

A xornada rematará co concerto da banda Xerock, un proxecto promovido e coordinado dende o Centro San Xerome Emiliani de A Guarda.

Compartir: