CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en escena a ópera "Os pescadores de perlas", de Bizet, en versión concerto

04/11/2016 A Real Filharmonía de Galicia porá en escena a próxima semana a ópera Os pescadores de perlas, do compositor francés Georges Bizet, en versión concerto. A orquestra ofrecerá dúas actuacións, o mércores 9 no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas; e o venres 11 no Teatro Afundación de Vigo, tamén ás 20:30 horas. Estes concertos son unha coprodución da RFG e o Outono Lírico de Amigos da Ópera de Vigo, en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, Paul Daniel, que contará co galego Diego García Rodríguez como director asistente.

A obra transcorre na illa de Ceilán, onde comeza a tempada de pesca de perlas e os pescadores elixen a un líder para que lles axude, Zurga. Gran amigo do pescador Nadir, chegaron a pórse a mal na súa mocidade polo amor dunha bela descoñecida nun templo do deus Brahma. Ambos xuran seguir sendo amigos ata a morte. Como cada ano, a sacerdotisa Leila acode para rezar por unha frutífera e segura campaña. Cuberta por un veo, a muller lembra a súa obrigación de rogar a Brahma pola seguridade dos pescadores, obtendo a cambio a perla máis fermosa, mentres que a violación do seu voto de castidade supoñeríalle a morte.

Nadir recoñece en Leila á descoñecida muller e acode a buscala ao templo, onde ambos se confesan o seu amor mutuo, pero son sorprendidos polo sumo sacerdote Nourabad e condenados á morte. Cando todo parece perdido, Zurga decátase de que a sacerdotisa é a muller que o salvou nunha ocasión da morte e decide liberalos. Prende lume aos campos e os pescadores corren a salvar a aldea mentres os namorados foxen. Descuberta a estrataxema, o sacerdote Nourabad ordena a morte de Zurga.

Grandes voces
O papel da sacerdotisa Leila será interpretado pola voz da soprano zaragozana Ruth Iniesta, galardoada en 2015 co Premio á Artista Revelación na III edición dos Premios Codalario da Música e co Premio á Cantante Revelación nos Premios Líricos da Fundación Teatro Campoamor.

O tenor canario Francisco Corujo poñeralle voz ao personaxe do pescador Nadir. É un dos novos tenores máis prometedores do panorama nacional e moi premiado en certames líricos. Traballou xunto a grandes figuras como Plácido Domingo e canta nas principais salas de España, Italia, Zagreb, Tel Aviv, Estados Unidos e América Latina.

O barítono galego Borja Quiza será Zurga. Nacido na localidade coruñesa de Ortigueira en 1982, perfeccionou a súa formación vocal co tenor arxentino Daniel Muñoz. En 2009 recibiu o premio Ópera Actual ao mellor cantante lírico novo e en 2010 ao mellor cantante de zarzuela nos premios líricos Teatro Campoamor de Oviedo. En 2009 estreouse a película Io, Don Giovanni, de Carlos Saura, na que interpreta o papel de Don Giovanni. Actuou nos principais teatros nacionais e en grandes escenarios internacionais en Italia, Israel, Canadá, Colombia...

O baixo madrileño Felipe Bou interpretará ao sumo sacerdote Nourabad. Discípulo de Alfredo Kraus, o seu debut internacional foi en 1998 precisamente con Os pescadores de perlas en Toulouse. No ano 2000 participou en Roma na produción conmemorativa do centenario da ópera Tosca, de Puccini, xunto a Pavarotti, Plácido Domingo e Zeffirelli. Dende entón canta roles principais en Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Eslovaquia, América Latina, Omán, Líbano ou Xapón.

Tamén se contará coas voces do coro vigués Gli Appassionati, dirixido pola mezzospoprano Nuria Lorenzo e moi premiado no ámbito nacional. Integrado por corenta novos "apaixonados" do canto e da música, abordan unha gran variedade de repertorio complexo, que inclúe obras de música clásica, pop e do folclore internacional.

Charla previa con Amigos da Ópera de Vigo e Santiago
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co vicepresidente de Amigos da Ópera de Vigo, Daniel Diz; e co presidente de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: