CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras da igrexa do convento de Santa Clara

04/11/2016 O Consorcio de Santiago interveu na igrexa do convento de Santa Clara, afectada pola entrada da auga da chuvia e por unha alta humidade no seu interior, circunstancia moi negativa para os bens de alto valor que posúe, entre eles os retablos e un magnífico órgano barroco. As obras centráronse nas revocaduras do inmoble, nas cubertas e no xardín de acceso á igrexa.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Sinala que "amañouse o tellado e colocáronse novos canlóns e baixantes, que non tiña, de xeito que a auga da choiva do tellado empapaba o terreo aos pés do muro, unha das causas da humidade interior".

Novas revocaduras
"As revocaduras que se aplicaran en obras anteriores estaban moi gretadas, desprendidas do soporte e non eran garantía nin protección dos muros", indica Camiruaga. Polas fisuras e gretas entraba moita auga de escorrentía, que ten máis problemas en saír, polo que se ía acumulando nas partes baixas do muro sur da nave e do transepto sur. Así, elimináronse as vellas revocaduras exteriores e tratáronse con biocida as zonas onde estaban arraigadas as plantas superiores, en particular silvas e liques.

Aplicáronse novas revocaduras e, finalmente, pintáronse os muros con pintura á cal, aplicada en fresco. Así mesmo, encintouse toda a fachada e as partes altas dos contrafortes e refíxose a pendente da canle do pórtico de acceso á igrexa dende o xardín.

Intervención no xardín
O xardín de acceso á igrexa tiña unha pendente que dirixía a auga da choiva contra o templo, que non posuía canle de recollida das augas nesa zona, polo que as absorbía cara ao interior das fábricas. Ante esta situación, remodelouse o recheo do xardín, ao tempo que se trazou unha rede de recollida das augas pluviais para conducilas lonxe dos muros.

Por outro lado, entre os muros do presbiterio e do transepto sur hai un pequeno patio pechado sen acceso, que non ten posibilidade de mantemento salvo mediante o uso de estadas ou grandes escaleiras. Este espazo non contaba cunha saída da auga da choiva, que ía cara ás fábricas, de maneira que se interveu para reconducir as pluviais. Ademais, unha vez modificada, reutilizouse unha vella canle de saída de pluviais cara á rúa para mellorar todo o sistema de recollida da choiva.

Compartir: