CONVIVENCIA

O Goberno desminte que se vaia sancionar ás nais e pais do CEIP Monte dos Postes

24/10/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Mobilidade volveu desmentir hoxe que a Policía Local vaia iniciar unha campaña sancionadora na contorna do CEIP Monte dos Postes. Xan Duro saíu así ao paso das informacións falsas publicadas nos últimos días, despois que de o centro recibira unha chamada de orixe descoñecida avisando de que esta semana se empezaría a multar ás nais e pais que estiveran mal estacionados nas rúas próximas ao colexio, nos horarios de entrada e saída das aulas.

O edil aclarou que "esa chamada non tivo a súa orixe nin no Goberno municipal nin na Policía Local", e recoñeceu o seu malestar porque "nin a dirección do colexio nin os responsables da ANPA se puxeron en contacto co Concello para buscar unha confirmación oficial, antes de crear unha alarma innecesaria".

Xan Duro explicou que el mesmo chamou por teléfono no pasado venres aos responsables do CEIP e ao vicepresidente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos para aclarar o acontecido, despois de coñecer a existencia dese rumor. O concelleiro lembrou que "non é a política deste Goberno sancionar ás nais e pais, senón buscar alternativas aos problemas de tráfico que se rexistran historicamente ás entradas dos colexios". Nesa liña, explicou que nesta semana ou na próxima reunirase cos representantes da ANPA do Monte dos Postes, para estudar a situación particular deste centro.

Compartir: