ESPAZOS CIDADÁNS

En marcha as obras da avenida de Coímbra

24/10/2016 Esta mañá comezaron as obras de reforma da avenida de Coímbra, unha actuación que estará finalizada antes de que remate este ano 2016. Os traballos, financiados con cargo aos remanentes, contan cun orzamento de 60.434,24 euros, IVE incluído.

A avenida de Coímbra sufriu un importante deterioro nos últimos tempos debido a que foi utilizada para desviar a circulación durante as obras de reurbanización da rúa dos Basquiños e tivo que soportar un importante tráfico pesado. Iso provocou danos no pavimento da calzada, con descontinuidades no plano de rodaxe que supoñen un risco para a seguridade viaria e un incremento do ruído ambiental. Así, a presión do tráfico durante as obras de Basquiños motivou o afundimento das bandas de chapacuña da rúa e a rotura das lousas de formigón, especialmente nos bordes e nas zonas de reposición de gabias que foron executadas de xeito inadecuado, sen respectar a estrutura e o deseño orixinal da avenida.

As obras que comezan hoxe permitirán recolocar as bandas de chapacuña existentes e a renovación de boa parte das súas pezas, a reposición das lousas de formigón deterioradas e a substitución e nivelación das tapas, marcos de arquetas, reixas e marcos de sumidoiros que lle afecten ao plano de rodaxe.

Cambios no tráfico
Durante as obras de reforma, pola avenida de Coímbra só se poderá circular en sentido baixada cara Xoán XXIII. Permitirase o acceso ao transporte escolar do Colexio San Jorge e aos garaxes da avenida de Salamanca.

As obras tamén ocasionarán cambios na liña 15 do transporte urbano, no sentido Campus Norte-Campus Sur. Quedará suprimida a parada 82, á altura do número 9 da avenida de Coímbra, e a alternativa máis próxima será a parada 576, en Santa Clara.

Compartir: