ALCALDÍA

O alcalde recibe a axentes programadores asistentes ao Focus Galician Tunes

19/10/2016 O alcalde recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi os programadores internacionais que asistiron ao Focus Galician Tunes, a antesala do Womex, que arranca esta noite. No acto tamén participou o director de Aadic, Jacobo Sutil.

Martiño Noriega pediulles aos trinta programadores, "dos máis prestixiosos do mundo", que se convertan "en embaixadores de Compostela e da cultura galega alá por onde vaian, e que conten que Santiago é un lugar de encontro e de multiculturalidade".

No nome dos programadores e programadoras, interveu no acto o director do Festival Intercéltico de Lorient, Lisardo Lombardía, quen agradeceu "a oportunidade que supuxo o Focus Galician Tunes para descubrir a música galega e para poñer en contacto as distintas músicas do mundo".

O Focus Galician Tunes xuntou, dende o pasado día 16, a programadores de 26 festivais de música de referencia internacional, seleccionados entre os principais delegados acreditados para o Womex. Ao longo de tres días, asistiron a dez concertos en formato showcase, que tiveron lugar na Sala Capitol e noutros escenarios de Galicia como as adegas Martín Códax de Cambados, o Aquariu Finisterrae, ou as salas Jazz Filloa e Garufa Club da Coruña. Entre os artistas que tiveron a oportunidade de coñecer figuran Leilía, Susana Seivane, Os D´Abaixo, Alejandro Vargas Trío ou Sumrrá.

Compartir: