ACCIÓN CULTURAL

Inauguración de "Afirmo que todo funcionará", de Jacobo Bugarín, na Zona "C"

13/10/2016 A Zona "C" acolle mañá venres, ás 20:00 horas, a inauguración da intervención de Jacobo Bugarín Afirmo que todo funcionará. No acto, o artista estará acompañado da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Afirmo que todo funcionará é aquilo que se ve e aquilo que se oculta. Existe un intento de comunicación, unha imposibilidade tamén, que vertebra este proxecto expositivo que propón Jacobo Bugarín (Santiago de Compostela, 1983) para o espazo da Zona "C".

Jacobo parte da súa investigación sobre a narcoarquitectura: fotografías, planos e obxectos que evidencian unha realidade social asociada á arquitectura do narcotráfico en Galicia, poñendo o foco no obxecto privado que desvela un comportamento público máis complexo. Un sistema de relacións que serve para profundar nos mecanismos de lexitimización que a sociedade emprega para reafirmar a súa propia identidade e a das redes interpersoais que a posibilitan, e sobre a relación que estes xestos teñen co contexto ao que pertencen.

Paralelamente, o artista introduce diferentes tempos ao proceso creativo, tentando non crear un obxecto apresable, que evidencie un sistema de relacións e que crea outro tipo de relación artista-mediador. Deste modo, Bugarín, traballa evidenciando estruturas ocultas, facendo fincapé no factor humano e nos afectos que posibilitan a comunicación. Céntrase na experiencia que supón o feito expositivo e entende o acto creativo como unha actividade continuada en contraposición á idea de performance como acto único e irrepetible. Unha das preguntas que articula o proxecto é ¿como cuantificamos os afectos?

Existe nesta exposición unha serie de evidencias físicas claras; tamén existen outras lecturas que se solapan, outros intentos de construción do relato que o espectador poderá chegar a intuír de maneira explícita ou non. Porque, como el mesmo afirma: "poida que nada funcione como eu quero, poida que todo o que afirmo que vai ocorrer non ocorra. Non son máis que unha parte da comunicación e a mensaxe, a min, xa non me pertence".

Esta exposición inaugúrase despois das intervención de Neves Seara e dos comisariados de María Marco e Desirée Vida. É polo tanto a cuarta das intervencións de artistas seleccionados na primeira Convocatoria de apoio á creación en artes visuais da Zona "C", que pretende consolidar vías de intervención artística para creadores emerxentes.

Compartir: