COMERCIO

Oito establecementos protagonizan a exposición "De tendas. O comercio, emblema dunha cidade"

13/10/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou a exposición De tendas. O comercio, emblema dunha cidade", organizada polo Departamento de Comercio do Concello e que quere servir de homenaxe a oito comercios que son un emblema en Compostela, non só polos anos de vida senón pola súa importancia.

Os oito comercios galardoados foron elixidos pola Mesa Local de Comercio. A Sombrerería Iglesias, representada na exposición por Mª Nieves Iglesias Blanco, Isabel Mª Fernández Iglesias e Eduardo Ludeña Payo, foi fundada en 1912 por Celestino Iglesias —que aprendera o oficio de xastre en Madrid—quen abriu un pequeno negocio na rúa do Vilar.

Outro dos comercios homenaxeados, A Grileira, naceu en 1987 como obradoiro de construción de gaitas e foi evolucionando ata ser o único establecemento galego especializado na venda de instrumentos tradicionais. Na exposición estivo a seu xerente, Xosé Luis Mouriño.

A Libraría Pedreira foi fundada por María Jesús Costoya e Antón Pedreira hai 35 anos. Naceu como un revulsivo que impulsou o galego na rúa de San Pedro e agora é un símbolo en Compostela.

Os sucesores de Bernardino Otero -Carmen María Otero García (Bernardino Otero Joyería), Alejandro Luis Otero Jamardo (Joyería Luis Otero), Augusto Otero Bugidos, Fernando Otero Bugidos e Consuelo Otero Bugidos (Platería Augusto Otero) representan todo un oficio, o das praterías, que tamén é un símbolo e unha referencia en Santiago. Hoxe son tres ramas diferenciadas as que manteñen o oficio e a localización, na mesma praza das Praterías, que acolle os ourives e prateiros dende o século XV.

A Tintorería Moderna, de tradición tintureira dende 1957, é outro dos emblemas de Santiago, neste caso do Ensanche compostelán. Hoxe está rexentado por Carmen Vilas, quen estivo presente tamén na inauguración desta exposición.

A Farmacia Bescansa é un dos poucos establecementos da nosa cidade que conservan o seu aire antigo, ese aspecto que nos leva aos tempos da fundación dun negocio tradicional. A Farmacia Bescansa é un deles: a estrutura do local, a moblaxe, o teitume de madeira... Irremediablemente trasladámonos ao século XIX, aquel no que destacou o fundador da farmacia, o insigne Dr. Casares.

A Ferretería Cruz é outro dos comercios premiados. O enorme mostrador deste establecemento ten cando menos 150 anos. Dende os anos 40 leva traballado este establecemento, rexentado posteriormente por Jesús (fillo) e Jesús (neto).

Finalmente, o oitavo comercio premiado é La Imperial, representada na exposición por Manuel Prieto Álvarez e Ofelia Asorey Sánchez. Néstor Prieto foi o primeiro en entender que un xeado na rúa é o mellor petisco nunha tarde de verán. Dende aquel afastado ano 1947, cando chegou desde Ourense, el e a súa familia son parte da paisaxe compostelá, cos seus carriños de xeado no verán, e as locomotoras que ofrecen castañas asadas no outono e inverno. Marcan o ritmo das estacións cunha oferta que se fundamenta nesa calidade nacida do traballo artesanal e da experiencia.

No marco do programa Comercio emblemático tamén se porá en marcha unha aplicación móbil (Desafío Comercial SCQ), que descubrirá a cara máis insólita do Santiago comercial. Estará dispoñible a partir do 10 de novembro.

Compartir: