ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Xuntanza en Santiago do Secretariado Executivo de Educación do Eixo Atlántico

13/10/2016 As cidades que constitúen o Secretariado Executivo do Eixo Atlántico celebraron unha xuntanza na que participaron representantes das cidades de Mirandela, Vilagarcía de Arousa, Vila Real, Ferrol, Vila Nova de Famaliçao, Santa María da Feira e Santiago de Compostela. Os participantes foron recibidos en Raxoi polo alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; e outros membros da Corporación.

Na xuntanza analizáronse as candidaturas para acoller a VI edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico, que ten carácter bianual e que se celebrará arredor do mes de maio do ano 2018. A candidatura presentada pola cidade portuguesa de Vila Real foi estudada polos representantes das cidades presentes, valorando a capacidade organizativa, os espazos postos a disposición do evento, a proposta de actividades previa e posterior aos días de celebración, así como a solvencia demostrada por este concello en prol da educación musical dos seus cidadáns. Neste senso, o Secretariado Executivo acordou elevar esta candidatura ao Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico que se reunirá no mes de novembro na vila galega de Riveira. Tamén ser revisou o regulamento desta mostra musical.

Seminario de Intercambio de Experiencias Educativas
Outro dos temas da reunión foi a avaliación das candidaturas para acoller o II Seminario de Intercambio de Experiencias Educativas. Neste apartado analizáronse as candidaturas presentadas polas cidades de Bragança, Riveira, Maia, Chaves-Verin e Régua-Vila Real.

Este Seminario creouse no ano 2015 para compartir experiencias de boas prácticas en materia educativa das cidades membro. A primeira edición celebrouse en Vila Real, onde se presentaron experiencias sobre educación inclusiva, alimentación e nutrición (comedores escolares) ou experiencias educativas transversais.

Proporase a celebración dun novo encontro na cidade que se elixa de entre as presentadas e abrirase un prazo ata o 30 de outubro para que todas as cidades poidan seguir achegando propostas referidas aos contidos temáticos susceptibles de incluírse no programa do Seminario.

Intercambios escolares
Tamén se falou sobre a celebración de intercambios de escolares das diferentes cidades do Eixo Atlántico para que alumnado do 3º ciclo de educación primaria, con idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos, aprenda a coñecer e valorar non só a súa propia cidade, senón o resto das cidades que constitúen o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, integrado por: Ourense, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Porto, Braga, Bragança, Chaves, Viana, Vila Real, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Vila Nova de Gaia, Guimarães, Peso de Régua, Barcelos, Mirandela, Famalição, Vila do Conde, Matosinhos, O Barco de Valdeorras, Lalín, Verín, Carballo, Penafiel, Macedo de Cavaleiros, Riveira, Sarria, O Carballiño, Paredes, Santa María da Feira, Narón e Santiago de Compostela.

Esta proposta será elevada en primeira instancia para a súa toma en consideración polos órganos directivos do Eixo Atlántico e debatida polos responsables políticos das cidades membro para que poida constituír unha nova proposta educativa do Eixo. Como primeiro paso, a cidade de Santiago remitirá unha proposta de Bases que permita iniciar o procedemento para a súa aprobación.

Compartir: