MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O Concello e Viaqua traballan nunha solución para os asolagamentos en Frei Rosendo Salvado

13/10/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar os motivos dos asolagamentos rexistrados na tarde de onte no cruce entre Entrerríos e Galeras e na rúa de Frei Rosendo Salvado. Xan Duro adiantou que o Concello e Viaqua están estudando solucións técnicas nos dous puntos, que presentan problemas estruturais "que afloran en episodios tormentosos coma o de onte, no que caeron 14 litros de auga por metro cadrado en só 10 minutos".

No caso de Frei Rosendo Salvado, o edil sinalou que se sumaron varios factores para o asolagamento de onte, "que foi un caso puntual que quedou resolto en dez minutos". Na rúa conflúen tres tubaxes, dúas de pluviais e unha de fecais que recolle o fluxo de todo o Ensanche; e Viaqua detectou hoxe que unha delas estaba dobrada, limitando a súa capacidade. Ademais, dúas tubaxes de 500 mililitros conflúen nunha de só 800 "de xeito que sempre hai 200 mililitros sobrantes". Segundo os técnicos de Viaqua, a solución pasaría por instalar un aliviadoiro entre tubaxes, unha proposta que xa está sendo orzamentada e que Xan Duro se comprometeu a executar en canto sexa posible.

En canto a Entrerríos, o concelleiro explicou que "por esta zona pasa entubado o río Corgo, e os sumidoiros van descargar ao regato, que ten unha capacidade limitada e que onte se desbordou pola gran cantidade de auga caída en pouco tempo". Xan Duro explicou que o asolagamento foi puntual, e a situación quedou resolta en vinte minutos. Neste caso, a solución é máis complexa e previsiblemente máis custosa, xa que os técnicos non descartan ter que modificar o punto de descarga dos sumidoiros.

Rede de sumidoiros limpa
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia descartou que os problemas rexistrados onte tiveran que ver coa presenza de follas na rede de sumidoiros, e explicou que "se realizara unha limpeza integral hai 15 días e a rede mantíñase en bo estado porque tanto a Policía Local como Viaqua teñen orde de revisar continuamente os puntos máis conflitivos".

As zonas de Entrerríos e Frei Rosendo Salvado son dous dos puntos conflitivos en caso de grandes chuvias, sinalados nun informe elaborado polo Concello, en colaboración con Viaqua e coa participación da Policía Local e os Bombeiros. Nel desvelábase a existencia de problemas estruturais en toda a cidade e de deficiencias na execución de determinadas obras, que favorecen que se produzan inundacións. Nalgúns casos xa se actuou para solucionalos, como na rúa do Olvido, onde se viñan rexistrando asolagamentos en varias vivendas.

Compartir: