MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa para este mes un obradoiro sobre traballo comunitario

13/10/2016 En outubro, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) programa unha chea de actividades. Ademais das habituais, este mes haberá formación sobre metodoloxías de traballo comunitario para calquera sector que traballe directamente con grupos diversos na toma de decisións.

O Obradoiro sobre Escenarios de Futuro realizarase o sábado 22 de outubro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00, e o domingo 23, de 10:30 a 14:00 horas. Será impartido por Jorge Navacerrada, da empresa social Altekio Soc. Coop. Mad, con ampla experiencia nesta metodoloxía de traballo comunitario.

O taller, organizado por Illa Bufarda, será un achegamento a dinámicas en calquera sector que traballe directamente con grupos diversos na toma de decisión (nun conflito ambiental, nun proceso creativo, nunha comunidade veciñal... Pode obterse máis información no evento creado en Facebook.

Roteiro
O CIAC tamén programa este mes outro roteiro polo parque de Belvís. Será o sábado 29, ás 12:00 horas, e os participantes poderán coñecer todas as funcións que este espazo verde nos agasalla. Inscricións nesta ligazón.

Obradoiro de comedeiros para aves
O calendario de outubro no CIAC péchase o domingo 30, de 12:00 a 13:30 horas, cun obradoiro de comedeiros e bebedeiros de aves con material de refugallo. Consistirá na construción dun ou varios comedeiros e bebedeiros para aves con materiais como botellas de plástico e tetrabrick. A idea é tratar a importancia da biodiversidade e da reutilización de materiais. Inscrición nesta ligazón.

Compartir: