FACENDA

O Goberno local inicia o proceso para a elaboración dos orzamentos do 2017

13/10/2016 A Concellaría de Economía e Facenda remitiu xa aos diferentes departamentos do Concello as fichas técnicas que permitirán comezar a elaborar os orzamentos do vindeiro ano 2017 para que sexan devoltas polos centros xestores.

O Goberno local inicia así o proceso para elaborar unha proposta orzamentaria de cara ao exercicio de 2017. O documento do vindeiro ano virá marcado polas directrices do Ministerio de Facenda en relación a como se repartirán os fondos da EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado pola que o Concello recibirá 10 millóns de euros de fondos europeos ata o 2020.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, sinalou ademais que o Goberno quere que os grupos da oposición participen dende o primeiro momento do proceso de elaboración dos orzamentos para que poidan ir facendo as súas achegas, tomando como socios preferentes ao PSOE e ao BNG. De feito, Rozas reunirase nos próximos días cos voceiros dos demais grupos para que se involucren no proceso.

Os orzamentos de 2017 tamén virán marcados polo resultado dos orzamentos participativos, cuxo prazo de votación de investimentos remata o vindeiro 25 de outubro. As propostas máis votadas ata chegar ao millón de euros consignados para este proceso serán incorporadas ao orzamento do próximo ano.

Compartir: