ACCIÓN CULTURAL

Abel Ferrara deixa a súa pegada en Curtocircuíto

07/10/2016 Abel Ferrara é un dos convidados de excepción desta edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, a onde chega en calidade de programador. No festival tamén se poderán ver algunhas das curtas filmadas polo director norteamericano.

Na xornada previa ao pase dos filmes das dúas seccións dedicadas ao cineasta, Abel Ferrara pasou polo Pazo de Raxoi, onde foi presentado en rolda de prensa polo alcalde, Martiño Noriega. No acto tamén participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director do festival, Pela del Álamo.

Signed by Abel Ferrara é o título dun programa especial de Curtocircuíto no que se poderán ver algunhas das obras que o director considera fundamentais na súa formación. Antes das proxeccións, ás 17:00 horas, Ferrara manterá un encontro co público no Teatro Principal.

Logo, ás 18:30 horas, comezará o pase dos filmes. O público poderá ver: La ricota, de Pier Paolo Passolini (1963, Italia); Every boy is named Patrick, de Jean Luc Godard (1959, Francia); Electronic Labyrinth THX 1138 4EB, de George Lucas (1967, USA); e Standard time, de Michael Snow (1967, Canadá).

Xa o domingo, tamén no Teatro Principal, a partir das 17:00 horas, o público terá a oportunidade de ver algunhas das curtas filmadas ao longo da súa carreira por Abel Ferrara. Proxectaranse: Nicky’s Film (1971, USA); The Hold Up (1972, USA); Could It Be Love (1973, USA); e Not Guilty: For Keith Richards (1977, USA).

Direcciones relacionadas



Compartir: