EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Homenaxe ao químico Ignacio Ribas Marqués no Día da Ciencia en Galicia

07/10/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu no Parque das Ciencias "Isido Parga Pondal" (San Roque) ao acto de colocación dunha placa na honra de Ignacio Ribas Marqués, químico orgánico, con motivo do Día da Ciencia en Galicia. O acto foi organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Departamento municipal.

O homenaxeado, D. Ignacio Ribas Marqués, logo do seu paso por varias universidades, ocupou a Cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da Universidade de Santiago, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971. Desenvolveu en Galicia a maior parte da súa actividade profesional, orientando a súa investigación ao estudo de produtos naturais existentes en distintas especies vexetais galegas, como a cortiza e os alcaloides.

Dirixiu 68 teses doutorais e publicou 157 traballos científicos. Como parte da súa obra formou a moitos doutores e creou en Santiago unha prestixiosa Escola de Química dos Produtos Naturais. A súa inxente obra foi recoñecida con numerosas distincións, entre outras: a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X o Sabio, o Premio Xunta de Galicia de Investigación, o nomeamento de Fillo Adoptivo e Medalla ao Mérito Cultural de Santiago de Compostela e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1991). O Colexio Oficial de Químicos de Galicia creou en 2002 o Premio Ignacio Ribas Marqués para distinguir os traballos de innovación e divulgación científico-técnica no campo da química.

Este ano 2016, no que se celebra o 20º aniversario do seu falecemento, a Real Academia Galega de Ciencias – da que foi un dos fundadores- proclamouno Científico Galego do Ano co desexo de que Galicia coñeza e valore a súa obra, así como a importancia da ciencia e a tecnoloxía para o seu desenvolvemento socioeconómico.

Compartir: