SAÚDE

O Consello Municipal de Saúde acorda solicitar información á Xestión Integrada do CHUS sobre o proxecto do Campus da Saúde

04/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presidiu esta tarde no edificio Cabes de Salgueiriños, a terceira xuntanza do Consello Municipal de Saúde, constituído no pasado mes de xaneiro despois de dez anos sen reunirse.

O Consello Municipal de Saúde conta con representantes dos catro grupos da Corporación municipal. Do órgano tamén forman parte representantes da Administración da Área Sanitaria de Santiago e da Xunta de Persoal, dos colexios profesionais de médicos e psicólogos, das asociacións de usuarios, e do Consello de Relacións Veciñais. A esta terceira xuntanza non acudiron nin os membros dos colexios profesionais nin a representación da Xestión Integrada do Chus.

Nesta reunión presentouse a proposta de regulamento para que os membros poidan realizar achegas, cuxo prazo de presentación das mesmas estará aberto ata o 4 de novembro. Posteriormente, o Consello Municipal reunirase o 29 de novembro para debater e aprobar o regulamento definitivo. Na proposta presentada apóstase por incorporar criterios de xénero na representatividade do Consello e por ampliar os seus membros, incorporando a representantes da USC, da atención primaria, saúde mental ou saúde pública.

Campus da Saúde
O Consello acordou, coa abstención do Partido Popular, solicitar á Xestión Integrada do CHUS información relativa ao Plan Funcional da Área Sanitaria de Compostela e sobre o estado do proxecto do Campus da Saúde. Nesa mesma liña pediráselle unha xuntanza ao CHUS para tratar estes temas, facendo especial fincapé no destino das camas e do persoal do Gil Casares e sobre a ubicación dos servizos de aparcamento e gardería.

Acordouse ademais que se leve este asunto ao Pleno municipal para que se realice esta mesma petición á Xestión Integrada do CHUS.

Finalmente, deuse información sobre instancias aprobadas nas últimas xuntanzas e que foron remitidas no mes de xullo pola Concellaría de Políticas Sociais sen que, a día de hoxe, se tivera resposta por parte do Sergas. Unha facía referencia ao peche de camas durante o verán no Hospital Clínico e a outra en relación a garantir as camas e o persoal do Gil Casares cando se acometese o proxecto do Campus da Saúde.

Compartir: