POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina seis novos convenios con entidades sociais por 85.000 euros

03/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, vén de asinar seis convenios con entidades sociais da cidade para o desenvolvemento de diversas actividades que teñen como obxectivo a inclusión social. As entidades beneficiarias son Acem, Aspanaes, Cociña Económica, Agadea, Médicos do Mundo e Escola de Tempo Libre don Bosco

Os convenios nominativos asinados supoñen un total de 85.000 euros con cargo aos orzamentos de 2016. O convenio de maior contía é o subscrito coa Cociña Económica, por un importe de 60.000 euros. Con este convenio o Concello continúa a colaborar coa entidade para que poida ofrecer almorzos, xantares e ceas ás persoas con dificultades económicas que é, como sinalou o seu representante, José Botana, "o obxectivo fundamental da Cociña Económica".

Dende a Concellaría de Políticas Sociais asinouse ademais por vez primeira un convenio con Médicos do Mundo, por valor de 10.000 euros, para desenvolver un programa de integración sociosanitaria coas persoas inmigrantes, co obxectivo de favorecer a integración da poboación inmigrante sen recursos económicos suficientes. A representante da entidade, Iria Gippini, amosouse "moi agradecida coa sensibilización do Concello en relación ás persoas migrantes que foron excluídas da atención sanitaria".

Outro dos convenios asinados foi coa Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple para o desenvolvemento dun programa de rehabilitación logopédica. A súa presidenta, Rosa María Villa, destacou a importancia deste convenio para "ofertar a persoas con esclerose múltiple os servizos de rehabilitación cognitiva, psicolóxica e motora adecuados".

O convenio subscrito con Aspanaes, por valor de 3.000 euros, servirá para levar a cabo un programa de participación comunitaria de persoas con trastorno espectro autista. Trátase de aprender as habilidades necesarias para levar a cabo actividades de participación comunitaria (culturais, deportivas e de ocio e tempo libre) para promover a participación comunitaria e á socialización das Persoas con Trastorno de Espectro Autista. A súa presidenta, María José Álvarez, destacou que "este programa permitirá que os nosos nenos e nenas aprendan como relacionarse entre eles e cos demais".

A Escola de Tempo Libre Don Bosco é outra das beneficiarias desta sinatura de convenios, cun por valor de 3.000 euros, para o desenvolvemento dun proxecto de intervención educativa Temos un sitio para ti dirixido a rapaces e rapazas de entre os 4 e os 16 anos coa idea de facer do tempo libre unha ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores. Este convenio "axudará a que as actividades lúdicas e de apoio escolar que facemos se poidan levar a cabo", tal e como destacou o seu representante, Xabier Blanco.

Por último a concelleira de Políticas Sociais asinou un convenio con Agadea que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa preventivo de estimulación terapéutica e psicomotriz para persoas con Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas. O obxectivo deste programa é o de "estimular a nivel cognitivo, funcional e social a persoa con demencia tipo Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas a través de actividades específicas", segundo explicou a súa representante, Isabel Gey.

Compartir: