CONSORCIO

Catro solistas noveis de Galicia tocarán coa Real Filharmonía xunto con outros/as de Países Baixos, Rusia e Estados Unidos

20/09/2016 O VI Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos, clausúrase este venres, 23 de setembro, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos/as noveis de Galicia e tamén procedentes dos Países Baixos, Rusia e Estados Unidos. A cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

Do total dos 17 mozos/as que foron seleccionados/as para participar nesta edición do festival, todos/as eles entre 12 e 21 anos de idade, escolleuse a 8 para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos/as Irene Parada, frautista de Vigo de 19 anos; Jaime Estévez, saxofonista de Vigo que vive en Baiona, que aos seus 15 anos é o músico máis novo dos galegos seleccionados para este certame; Artur Carballo, clarinetista natural de Culleredo que actualmente reside en Ámsterdam, de 20 anos; xunto con Estefanía Cereijo, pianista de Bueu de 21 anos.

Ademais, procedentes de Rusia participarán o pianista Phillipp Rudenko e a violinista Polina Senatulova. Dos Países Baixos contarase con Ramon Van Engelenhoven ao piano e dos Estados Unidos con Carrie Chen tamén ao piano.

Catro talentos galegos
A frautista viguesa Irene Parada será a encargada de abrir o concerto. Inicia os seus estudos musicais aos oito anos en Vigo e Vilagarcía de Arousa e aos dez anos descobre que pode facer unha carreira musical. Estuda no Conservatorio Superior de Música de Vigo a especialidade de frauta traveseira. Xa gañou algún certame de música, ten tocado con varias agrupacións mesmo como solista e realiza concertos en diferentes salas da xeografía galega.

O saxofonista vigués Jaime Estévez preparouse dende moi novo no eido musical. Estuda no Conservatorio de Vigo e recibiu clases de perfeccionamento en distintos cursos nacionais e internacionais. Forma parte da banda da Agrupación Musical de Belesar (Baiona) e do grupo de música tradicional galega Os Terribles de Donas. Este ano resultou seleccionado como solista de saxofón soprano para a Xove Orquestra 430 de Vigo.

A pianista de Bueu Estefanía Cereijo comezou a tocar o piano aos 11 anos e aos 14 decidiu dedicarse por completo a este instrumento. Estudou no Conservatorio Profesional de Música de Cangas. Na actualidade estase a formar en Portugal, onde está a realizar o terceiro curso da licenciatura en Música, especialidade de piano, na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo de Porto.

O clarinetista de Culleredo Artur Carballo comezou os seus estudos musicais aos oito anos. Máis tarde ingresa no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e remata coas máximas cualificacións. Paralelamente fórmase na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago. E tamén colabora como solista coa Camerata Brigantina de Betanzos. Na actualidade estuda no Conservatorio de Ámsterdam.

Primeira experiencia cunha orquestra profesional
A directora deste certame de música clásica é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que "a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a xoves promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios, gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia". Así, para a maioría dos rapaces e rapazas será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que "representa un paso moi importante na carreira de calquera músico/a".

Obras para frauta, saxofón, clarinete, violín e piano
No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar fragmentos de varias obras. Trátase do Concerto para frauta nº 1 de Mozart, Concerto para saxofón alto do compositor ruso Aleksandr Glazunov, Concerto para piano nº 21 de Mozart, Concerto para piano nº 2 de Saint-Saëns, Concerto para piano nº 5 "Emperador" de Beethoven, Concerto para piano nº 2 de Chopin, Concerto para clarinete e orquestra nº 1 de Carl Maria von Weber e o Concerto para violín en mi menor de Mendelssohn.

Compartir: