ALCALDÍA E MOBILIDADE

O Concello aposta polo vehículo eléctrico para contribuír á redución de emisións

20/09/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e o director de Vehículo Eléctrico de Renault Iberia, Luis Valerio Fernández, asinaron hoxe un protocolo de colaboración entre o Concello e a compañía automobilística para o impulso e a promoción conxunta da "mobilidade cero emisións en Santiago".

Segundo o acordo, Renault organizará eventos divulgativos sobre os vehículos eléctricos e colaborará nas medidas de promoción que queira levar a cabo o Concello neste ámbito. Entre elas, figura un programa de difusión e demostración sobre os vehículos eléctricos, se ben no protocolo se especifica que o Goberno local poderá poñer en marcha acordos semellantes con outras empresas.

No marco deste protocolo, Renault cédelle ao Concello de Santiago dous vehículos eléctricos, por un prazo de 12 meses. Trátase, en concreto, dun Kangoo Z.E. e dun ZOE R240, cunha autonomía de 170 e 240 quilómetros respectivamente. O primeiro dos vehículos destinarase aos/ás ordenanzas, co fin de transportar documentación, mentres que o outro coche empregarase para o desprazamento de persoal municipal.

Segundo lembrou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, o vehículo eléctrico, xunto co fomento do uso do tráfico peonil, da bicicleta e do transporte público, é unha das alternativas de mobilidade na que traballa o Concello en prol da redución das emisións contaminantes. Así, xunto ao paso que, "como exemplo para a sociedade", supón o uso destes dous vehículos, o edil indicou que o Goberno local "está traballando nunha batería de medidas para lograr que os usuarios de vehículos eléctricos teñan bonificacións tanto de aparcamento –como actualmente no estacionamento de Xoán XXIII- como fiscais.

O concelleiro retirou a "aposta decidida" do Concello pola redución de emisións e apuntou que o vehículo eléctrico é "o camiño do futuro a medio prazo". Nesta liña pronunciouse tamén o director de Vehículo Eléctrico de Renault Iberia, Luis Valerio, quen subliñou que "a mobilidade eléctrica é un futuro que cada vez está máis preto". Amosouse convencido de que este tipo de vehículos "introducirase de modo natural ás flotas municipais, ao comprobar que serve para o día a día, sen ningunha precaución especial salvo a de ter un punto de carga".

Exposición na praza Roxa
A sinatura deste protocolo de colaboración coincide co Día da Mobilidade Eléctrica na Semana da Mobilidade. O epicentro da xornada é a praza Roxa, onde ao longo de todo o día se pode visitar unha exposición de vehículos eléctricos na que están representadas distintas marcas, como Kia ou Renault. Tamén está exposto un autobús eléctrico, fabricado pola empresa compostelá Castrosúa.

Compartir: