ACCIÓN CULTURAL

Un total de 65 curtametraxes de 19 países competirá na XIII edición de Curtocircuíto

20/09/2016 Curtocircuíto, Festival Internacional de Cine, deu hoxe a coñecer os detalles da súa próxima edición, que se celebrará en Compostela entre os días 3 e 9 de outubro. Foi nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o director do festival, Pela del Álamo.

Ás habituais proxeccións no Teatro Principal e na sala Numax, concertos na Sala Capitol e actividades formativas no CGAC e o espazo Unitaria, únese este ano Riquela, unha sala de concertos recentemente inaugurada na rúa do Preguntoiro. O festival continúa abríndose á cidade con diversas propostas de carácter multidisciplinar, onde a música, os live cinemas e os obradoiros acompañarán ao programa de proxeccións audiovisuais.

O número de películas inscritas a competición, 1.171 procedentes de 77 países, representan unha boa mostra da saúde do certame. O equipo de Curtocircuíto realizou unha escolma de 65 películas na súa sección oficial, para participar nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ.

Este ano, a sección Penínsulas pasa a ser competitiva, e a curtametraxe gañadora estará cualificada automaticamente para os premios Goya. Unha selección que recolle seis das películas españolas máis destacadas da temporada, nun programa de 1 hora e 40 minutos de duración. O apartado Planeta GZ recolle unha escolma de películas representativas da heteroxénea escena audiovisual galega, con traballos de cineastas como Carla Andrade, Lucía Vilela, Eloy Domínguez, Xurxo Chirro ou Diana Toucedo.

Dentro da sección Radar, que presenta algúns dos traballos máis representativos do panorama internacional, poderanse ver os traballos de directores de relevancia internacional como Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, ademais do galego Alberto Vázquez, quen presenta en Galicia o seu último traballo, Decorado, recentemente proxectado no festival de Toronto. A sección Explora presenta pezas que dilúen a idea convencional do cine mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas ao cine de vangarda, onde tamén haberá presenza galega, cos traballos de Alberte Pagán (A fundamental error) e Helena Girón (co-directora xunto a Samuel Delgado de Montañas ardientes que vomitan fuego).

A estas actividades paralelas engadiranse presentacións de proxectos culturais e outros eventos que serán anunciados proximamente.

Convidados de excepción
Dous convidados de excepción, o cineasta norteamericano Abel Ferrara e o documentalista ucraíno Sergei Loznitsa visitarán Compostela durante a vindeira edición de Curtocircuíto. Dúas personalidades de sona internacional, que chegan ao festival despois do seu paso por citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale.

Abel Ferrara visitará Curtocircuíto en calidade de programador, realizando un programa especial para o festival compostelán no que se poderán ver algunhas das obras que considera fundamentais na súa formación como director. O norteamericano tamén protagonizará un encontro co público do festival no Teatro Principal, onde tamén presentará algunhas das curtametraxes que dirixiu nos anos 70. Por outra banda, a retrospectiva deste ano está dedicada a Sergei Loznitsa, matemático de formación quen, despois de traballar no Instituto Cibernético de Kiev, empezou a dirixir documentais, con grande éxito, en 1997. A retrospectiva de Loznitsa ofrecerá ao público a rara oportunidade de realizar un percorrido pola súa exquisita filmografía.

Actividades formativas
Os obradoiros de Curtocircuíto contan cun protagonismo propio dentro da programación do festival. O CGAC acollerá tres talleres, impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javi Álvarez.

O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, quen visita Galicia por vez primeira, impartirá The Impossible Cinema, un obradoiro dedicado a filmes que cuestionan os límites convencionais do cine. Xabier Erkizia será o encargado de impartir Sobre la música y los ruidos, reivindicando o valor do son como un vehículo de linguaxe e expresión en si mesmo que, tradicionalmente quedou supeditado á hexemonía da imaxe no ámbito cinematográfico.

O compostelán Javi Álvarez impartirá o seminario Todo va a ser diferente, sobre procesos de experimentación audiovisual, orientados a xerar recursos que podan integrarse na vida cotiá dos asistentes, partindo do uso de obxectos obsoletos, enxeñería doméstica, reciclaxe e circuit bending (modificación de xoguetes electrónicos). E, por último, Unitaria acollerá un obradoiro para nenos e nenas enfocado a explorar e comprender a percepción do movemento dos nosos ollos a través da animación, que leva por título Xoguetes Ópticos. O cinema antes do cinema.

Concertos e live cinemas
A décimo terceira edición do festival presentará unha atención especial aos concertos e live cinemas, con catro vangardistas propostas da escena nacional e internacional. No apartado musical, a asociación compostelá La Melona, que ten como obxectivo ofrecer contidos novos, innovadores e de calidade, e funcionar como unha ponte coa cultura e os artistas de Portugal, presentará na sala Riquela unha noite de música, protagonizada polo grupo valenciano Siesta!, o DJ portugués Dragão Inkomodo e o DJ compostelán La Isla del Tesoro.

O artista compostelán Juanma LoDo presentará no Mercado de Abastos un espectáculo que busca romper a liña que separa o artista electrónico do público, convidándoo a descubrir o mundo que se atopa detrás da produción da música electrónica, achegando a pequenos e maiores ao mundo que se agocha detrás das "caixas negras con botóns e teclas".

Ademais destas propostas, proximamente serán anunciados os dous concertos que Curtocircuíto realizará en colaboración con WOS; dous dos pratos fortes da programación musical desta edición.

Nos live cinemas, por outra banda, en actuación en vivo, os artistas visuais e sonoros explorarán as posibilidades expresivas da súa colaboración, cos cineastas construíndo películas en vivo ao tempo que os músicos que os acompañan crean unha banda sonora en directo.

Explorando a hibridación entre cine e música, chegaran dúas das propostas principais ao Teatro Principal compostelán: Lena Willikens e Sarah Szczesny presentarán Phantom Kino Ballet, o seu esperado novo espectáculo, un collage en vivo que combina música electrónica, sons, esculturas, teatro de marionetas e proxeccións. How to become nothing, de The Legendary Tigerman e Pedro Maia, presentará unha viaxe psicodélica polo deserto de California, onde Tigerman executa a banda sonora en directo mentres Pedro Maia manipula imaxes cinematográficas en tempo real.

Un live cinema será tamén o encargado de inaugurar o festival; concretamente a estrea en Galicia de Mecatrónica, de Música Prepost, dúo formado por Fran Torres (Millonesdetrillones) e Pablo Peña (Pony Bravo, Fiera). Actuarán o 29 de setembro na Sala Capitol nun evento de entrada libre. Javi Álvarez, o home detrás de proxectos como Fluzo, Dúo Cobra ou Néboa presentará o seu último e personalísimo espectáculo, Cando prácticas e non practicas, na Sala Riquela, nunha banda sonora en directo para pezas de vídeo rexistradas en formatos magnéticos.

Xurados de prestixio
O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, o realizador portugués Joao Nicolau e o ex-director da filmoteca española Chema Prado, serán os encargados de outorgar o premio da categoría Radar, dotado con 3.000 €. O xurado da categoría Explora, premio dotado de 3.000 €, conta co programador Miquel Martí Freixas e os cineastas Pedro Maía e Ana Vaz.

O premio á mellor curtametraxe galega será decidido polo director artístico do Festival de Cine de Ourense, Fran Gayo, a xornalista Pilar Comesaña e o artista Javi Álvarez. As asociacións profesionais galegas de directores CREA, e a de guionistas, AGAG, premiarán a mellor dirección e o mellor guión galego, respectivamente. Completan as categorías do palmarés o Xurado da asociación de críticos CAMIRA; o Xurado Novo, composto por mozos cinéfilos do ámbito compostelán; o premio Criaturas, outorgado polo xurado infantil, e o premio do público, resultado das votacións obtidas en sala polos asistentes ás proxeccións.

Direcciones relacionadas



Compartir: