FACENDA

Os Orzamentos Participativos rexistran preto de 260 propostas de investimentos

16/09/2016 Rematado o prazo de presentación de propostas de investimentos, a web Compostela Decide rexistrou un total de 258 propostas para as áreas de cidade, rural, sueste e nordeste. No que respecta á área de mocidade, admitíronse, polo de agora, 16 propostas para actividades dirixidas á mocidade (entre 16 e 35 anos). O prazo para propoñer nesta área continúa aberto ata o 6 de outubro.

Houbo seis propostas feitas por asociacións veciñais e dez feitas por outras entidades para as áreas de cidade, sueste e nordeste, mentres que para a área rural foron 55 as propostas rexistradas por asociacións veciñais. Cando sexa o momento da votación final, unha iniciativa dunha asociación poderarase con dez puntos, segundo establece o regulamento.

Ata o de agora hai 365 persoas inscritas na web. É de destacar que houbo arredor dun cento de propostas rexeitadas, por algúns dos motivos seguintes: non eran investimentos, non eran de competencia municipal ou viables, contraviñan algunha lei ou superaban por si soas o orzamento dispoñible.

As propostas están xa na fase de contraste e sendo estudadas por persoal técnico do Concello, que avalía a súa viabilidade específica e concreta os detalles das mesmas (ubicación, custo estimado, etc.). Se é preciso, contáctase coa persoa propoñente.

Unha Mesa de propostas é a encargada de facer o seguimento destes traballos técnicos, e terá o seu primeiro encontro para abordar o estudo e valoración das propostas este luns, ás 20:15 horas, no Centro Sociocultural de Caramoniña. O encontro está aberto ás persoas que integran o grupo motor e ás que participaron nas asembleas que houbo ao longo destes meses.

Direcciones relacionadas



Compartir: