ACCIÓN CULTURAL

A canción de concerto en Galicia, Cataluña e Euskadi protagoniza o XVII Ciclo de Lied

13/09/2016 Os lied galego, catalán e vasco serán os protagonistas da XVII edición do Ciclo de Lied, que se celebra este mes de setembro en Compostela e para o que o Concello contou coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. O programa foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o presidente e secretario da asociación, Jesús Couceiro e José María Miranda.

O título desta edición, que fai a número dezasete, é "A mirada interior. A canción de concerto en Galicia, Cataluña e Euskadi" e ofreceranse catro concertos, cadanseu centrado nun dos territorios e un último con motivo do 40 cabodano de Benjamin Britten. Serán os días 15, 17, 22 e 23 de setembro, sempre no Teatro Principal e ás 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 8 euros para cada concerto e 26 o abono para os catro. Aplícanselle os descontos habituais da Concellaría e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal ou en Abanca.

"A canción galega de concerto"
A primeira das propostas será este xoves, día 15, baixo o nome de "A canción galega de concerto", coa soprano Carmen Solís e Alejo Amoedo ao piano. Na primeira parte poderemos escoitar obras do coruñés Marcial del Adalid, con revisión das partituras de Margarita Viso, ademais de obras de Juan Montes, Canuto Berea, José Castro González "Chané" e José Baldomir, con textos de Curros Enríquez e Rosalía de Castro, entre outros. Xa na segunda parte teremos obras de Pascual Veiga, Prudencio Piñeiro, Luis Taibo, Reveriano Soutullo, Ángel Rodulfo, Andrés Gaos e Antón García Abril.

"O lied catalán: da Reinaixença ao Noucentisme"
O segundo dos concertos desta edición, o sábado 17, preséntanos unha mostra do lied catalán da man da soprano Marta Mathéu e o pianista Albert Guinovart. Enric Granados é o protagonista da primeira parte do concerto, na que poderemos escoitar Allegro de concierto, Tonadillas e Cançons catalanas do seu repertorio. Xa na segunda parte teremos obras de Albert Guinovart, Frederic Mompou, Ricard Lamote, Eduard Toldrá e Joaquim Serra.

"A canción de cámara vasca"
No percorrido pola canción de lied no Estado español ao que nos convida o Ciclo de Lied este ano, a última parada será en Euskadi coa soprano Miren Urbieta-Vega e o pianista Rubén Fernández Aguirre, o día 22. Comezaremos o concerto con Oito melodías vascas, Gabon e Goizeko eguzki argiak (da ópera èm]Mirentxu), de Jesús Guridi, e na segunda parte poderemos escoitar as Catro cancións vascas de Félix Lavilla e, xa de Pablo Sorozábal, Siete lieder sobre textos de Heine e fragmentos das zarzuelas Don Manolito, La tabernera del puerto e La del manojo de rosas.

He who loves beauty, 40º cabodano de Britten
A XVII edición do Ciclo de Lied pecha o seu programa cunha cita moi especial que se celebrará o 23 de setembro. Trátase da estrea absoluta de He Who Loves Beauty, concerto dramatizado para tenor, actor e piano no 40 cabodano de Benjamin Britten. Poñerano en escena o tenor Jorge Navarro Colorado, o actor Martín Puñal e o pianista Carlos Enríquez Pérez, baixo a dramaturxia e dirección de Rafael R. Villalobos.

Direcciones relacionadas



Compartir: