CONVIVENCIA

A Policía Local realiza esta semana controis sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil

12/09/2016 A Policía Local de Compostela súmase á Campaña de vixilancia e control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil da Dirección Xeral de Tráfico. Por isto, os/as axentes intensificarán este tipo de inspeccións entre este luns, 12 de setembro, e o vindeiro domingo, 18 de setembro.

Durante unha semana e coincidindo coa volta ao cole, a Policía Local realizará estes controis en diferentes puntos da cidade e horas. Os/as axentes incidirán tanto no uso correcto dos sistemas de retención infantil como no emprego do cinto por todos os usuarios do vehículo, que deben levar o seu dispositivo correctamente abrochado.
"Abrácese á vida, use o cinto de seguridade" é o lema desta campaña, a través da que a DXT lembra que a utilización deste dispositivo reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa con emprego do cinto de seguridade. Ambos dispositivos están pensados para funcionar de forma complementaria.

Ademais, non utilizar o cinto nos asentos traseiros supón un gran risco. Nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a outro pasaxeiro dos asentos de diante pode ser ata oito veces maior.

O cinto de seguridade é útil en calquera traxecto, curto ou longo, urbano o interurbano. Estatisticamente, ao redor dun 25% das vítimas mortais contabilizadas en vías interurbanas non utilizan o cinto. Esta porcentaxe supera o 30% cando se trata de vías urbanas. Os ocupantes desprázanse a igual velocidade que o propio vehículo e, en caso de freada, o vehículo detense, pero os ocupantes desprázanse. Unha colisión a 50 km/h equivale a caer dun segundo piso.

Comportamentos seguros
En relación aos sistemas de retención infantil, a Policía Local recorda unha serie de comportamentos seguros:

• Ata os 1,50 m de altura é recomendable que os menores sigan utilizando S.R.I homologados á súa talla e peso.

• En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

• Se a banda do ombro toca o pescozo ou pasa baixo o queixo, o neno debe seguir utilizando un asento elevador.

• Nunca se debe ir coa banda debaixo do brazo ou detrás das costas.

Non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e conducir baixo os efectos do alcohol, un dos principais factores na produción de lesións.

Compartir: