ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Comeza o curso con normalidade nos centros de educación de infantil e primaria de Santiago, con máis de 4.600 escolares

12/09/2016 Máis de 4.600 rapaces e rapazas iniciaron hoxe o novo curso nos centros de Educación Infantil e Primaria de Compostela. O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, quixeron compartir a xornada con algúns deles e, ao longo da mañá, visitaron os CEIPs Lamas de Abade, Monte dos Postes e López Ferreiro.

O concelleiro de Educación salientou a normalidade coa que comeza o curso, tanto nas aulas como no servizo de comedor. Nesa liña, Manuel Dios puxo o acento en que todas as obras de mantemento proxectadas polo Concello finalizaron antes do comezo do curso, despois dun investimento de case 150.000 euros.

Quedan por rematar algunhas actuacións dependentes da Consellería de Educación, como os patios cubertos dos colexios Pío XII ou López Ferreiro. Ademais, ao longo do curso proxectaranse outras obras de mantemento, en colaboración coas direccións do centro, para as que o Concello xa reservou outra partida de 400.000 euros.

Aposta pola participación
O edil aproveitou o primeiro día de curso para adiantar que, ao longo dos próximos meses, o seu Departamento terá como obxectivo fomentar a participación da comunidade educativa a través de tres instrumentos: o Consello Escolar Municipal, o Consello Municipal da Infancia e o Observatorio Municipal da Convivencia.

O Consello Escolar Municipal vaise reactivar despois de cinco anos sen celebrar ningunha reunión. Manuel Dios confía en que o pleno ordinario de outubro recupere esta ferramenta, que terá como obxectivo facer seguimento e propoñer medidas para mellorar a xestión dos centros educativos.

O Consello Municipal da Infancia é un instrumento máis novidoso que, segundo explicou o concelleiro, "aínda funciona en poucas cidades, e que ten como finalidade trasladar a opinión e a mirada dos nenos e nenas sobre o modelo de cidade que queren, máis alá do ámbito educativo". Coincidindo coa súa posta en marcha, o próximo 23 de setembro visitará Compostela Francesco Tonucci, autor do clásico A cidade dos nenos. O pensador e pedagogo italiano impartirá unha conferencia no Auditorio de Galicia, e manterá unha reunión cos nenos e nenas de Santiago.

Por último, a Concellaría de Educación prevé poñer en marcha ao longo deste curso o Observatorio Municipal da Convivencia, un órgano de participación, control e mediación sobre os problemas de convivencia e conflitos que se poidan rexistrar no ámbito educativo.

Manuel Dios lembrou que o seu Departamento tamén está traballando na organización das xornadas sobre comedores escolares, "nas que se debaterán experiencias de distintos lugares para escoller o mellor modelo de futuro para Santiago, sen prexulgar ningunha alternativa".

Pacto pola educación
O concelleiro de Educación tamén quixo facer un chamamento ás distintas formacións políticas para acadar un pacto educativo que deixe a Educación fora da confrontación política. Nesa liña, recoñeceu a "inquietude coa que a comunidade educativa, e fundamentalmente os profesores, están vivindo un curso no que non se sabe que vai pasar coa LOMCE". Para Manuel Dios, é fundamental que as novas leis educativas se fagan dende o consenso e coa seguridade de que non van ter que ser reformadas cada dous anos.

Compartir: