FACENDA

Remata a semana de asembleas presenciais dos Orzamentos Participativos 2017 co debate e achega de propostas

09/09/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, fixo esta mañá unha valoración das tres asembleas presenciais que se celebraron esta semana no marco dos Orzamentos Participativos. Mostrouse moi satisfeita "da participación tanto nas asembleas como no proceso de orzamentos participativos, con 74 propostas presentadas na web".

María Rozas destacou que "o máis importante é ver como persoas que non adoitaban participar a través das canles habituais do Concello, o están a facer agora a través dos Orzamentos Participativos". Para a concelleira, trátase dun proceso "moi interesante e enriquecedor, porque permítenos coñecer as necesidades da cidade e sumalas á auditoría cidadá que levamos a cabo durante estes meses". A concelleira destacou ademais que, "aínda que algunhas das propostas non son necesariamente investimentos, como o caso da ampliación do Colecamiños, sérvennos para coñecer que quere a veciñanza de Compostela".

A responsable de Facenda destacou que algunhas das propostas presentadas se farán durante o ano 2016 con cargo a remanentes de tesourería, o que permite acometelas sen necesidade de incorporalas no orzamento do ano que vén.

Balance das asembleas
A primeira asemblea levouse a cabo na Casa das Asociacións de Cornes e serviu para presentar achegas na área do rural. Ás 28 propostas volcadas na páxina web decide.santiagodecompostela.gal súmanse outras froito do proceso de participación asembleario, como dotación de sinaléctica, mellora da seguridade e accesibilidade, plan de reposición de firmes ou mellora de marquesiñas.

A segunda asemblea celebrouse no CSC do Castiñeiriño para atender as propostas da zona surleste, sumándose así ás 14 subidas na plataforma web. Dentro desas propostas engadíronse a mellora da accesibilidade dos espazos públicos, a instalación de cubertas nos parques infantís, reparación de vieiros concretos ou as hortas urbanas.

Finalmente, a veciñanza da zona norleste tamén tivo a súa asemblea o xoves 8 de setembro. Nela debateuse sobre a necesidade dos barrios que a conforman, entre as que destacan o desenvolvemento dun carril bici, colocación de farois ou dotación de espazos para nenos e nenas de 0 a 3 anos nos parques infantís. Na web hai un total de 12 propostas presentadas para esta área. Ademais, presentáronse 18 propostas de cidade, entre as que destacan a instalación de cubertas en parques infantís, hortas para escolares, mellora das pistas de baloncesto ou desenvolvemento de carrís bici.

María Rozas aproveitou para lembrar que o prazo de presentación de propostas continúa ata o 14 de setembro. Persoal técnico do Concello avaliará se as propostas son viables tecnica e economicamente ata o 23 de setembro. As persoas mozas terán ata o 6 de outubro para presentar actividades da área de Mocidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: