DEPORTE

Máis de 500 xogadores e xogadoras de baloncesto xuntaranse este sábado no Obradoiro para participar no "Praza 3x3"

09/09/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá o evento Praza 3x3, que organizan as Federacións Española e Galega de Baloncesto. Na rolda estivo acompañado dun representante da FGB, José M. Castelao, e de Juan Domínguez, representante de CaixaBank, o patrocinador do evento.

Este sábado 10 de setembro, dende as 10:00 e ata as 19:00 horas, Compostela vivirá a emoción do baloncesto cun intenso programa de competicións nas que participarán máis de 500 xogadores procedentes de toda Galicia. A celebración do Praza 3x3 nun dos puntos de maior afluencia turística do país fai prever unha grande expectación. A organización espera que asistan aos partidos e aos actos que terán lugar durante todo o día arredor de 5.000 persoas.

Ata o de agora foron xa 7.308 participantes e 22.000 asistentes os que gozaron dos 2.381 partidos que se disputaron no circuíto este ano, sendo Santiago a duodécima parada do mesmo. Praza 3x3 instalará na praza do Obradoiro un total de 7 pistas de baloncesto, 4 delas cunha tarima especial como a que se usa en mundiais e torneos oficiais. O principal punto de atención será a pista CaixaBank, na que se realizarán multitude de concursos relacionados co baloncesto e na que os participantes poderán gañar múltiples regalos. Nesta pista acolleranse tamén as finais feminina e masculina.

Outra zona destacada será a pista Universo Mujer, pensado para a posta en valor do papel da muller na sociedade a través dos valores que desprenden as deportistas, onde se disputarán partidos de categoría feminina e realizaranse sorteos.

Ademais, os xogadores júnior e sénior poden apuntarse á plataforma 3x3 Planet, unha iniciativa global da FIBA que quere recompilar e informar do conxunto dos torneos e xogadores de todo o mundo. Os e as máis pequenas da familia poderán gozar tamén de zonas lúdicas con inchables, xogos e concursos.

Fernando Romay, embaixador
O encargado de apadriñar esta parada de Praza 3x3 será a lenda do baloncesto español, Fernando Romay. Un deportista que conseguiu 7 veces a Liga Española, 5 veces a Copa do Rei e 2 a Copa de Europa. Ademais, foi 174 veces internacional coa Selección Absoluta, gañando a prata nos Xogos Olímpicos de 1984 e a prata no Europeo de Francia de 1983.

Fernando Romay ofrecerá un clinic na pista central CaixaBank, onde ensinará a todos os participantes os secretos que o converteron nun dos mellores xogadores españois da historia.

Compartir: