XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os proxectos para a mellora das rúas Picaños, Santas Mariñas e A Estrada

09/09/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe tres proxectos que serán financiados con cargo ao Plan de Remanentes de 2015. Un deles é o de mellora das rúas Picaños, Santas Mariñas e A Estrada, que se atopan actualmente en moi mal estado de conservación. A esta actuación destinarase un orzamento de 371.683,84 euros, IVE incluído.

Tamén con cargo aos remanentes, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto para a rexeneración dos pavimentos da vía de servizo oeste da avenida do Cruceiro da Coruña, cun orzamento de 228.316,15 euros; e o da mellora da pavimentación do viario de Reboredo-Lavacolla, por un importe de 227.510,27 euros.

Redes de saneamento en Cima da Eira
A proposta do concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno aprobou un proxecto que, segundo explicou Xan Duro, "responde a unha vella demanda dos veciños de Monte de Deus". Trátase da instalación dunha canalización de augas fecais e a súa conexión á rede municipal existente na rúa de Vite de Abaixo; e dunha canalización de augas pluviais dotada de elementos para a recollida das augas de escorremento, con evacuación no sistema de drenaxe natural nas inmediacións da rúa do Campiño de Guadalupe. O orzamento previsto é de 60.471,64 euros, IVE incluído.

Modificación do Plan Especial
O secretario da Xunta de Goberno explicou que na reunión de hoxe tamén se lle deu luz verde ao inicio da avaliación ambiental da modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial. Xan Duro explicou que, con esta medida, alongarase a moratoria establecida hai seis meses, cunha duración máxima dun ano. Esta moratoria manterase ata que se aprobe o novo Plan Especial da Cidade Histórica, que se prevé para finais de 2017.

Convenios
A Xunta de Goberno aprobou, a proposta da concelleira de Acción Social, os convenios cun total de 16 asociacións e entidades de carácter social, por un importe total de 249.500 euros. Entre os beneficiarios deses acordos figura o Albergue Xoán XXIII, por 60.000 euros; a Cociña Económica, por 60.000 euros; Proxecto Home, por 45.000 euros; ou Cáritas Diocesana-Programa Vagalume, por 30.000 euros.

Por último, na reunión de hoxe aprobáronse as bases reguladores da convocatoria de axudas para a reforma de locais de negocio, incorporación de TICS e innovacións no sector comercial para 2016. A estas axudas destinarase un total de 25.000 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: