FACENDA

A conta xeral do exercicio 2015 reflicte unha mellora nos principais indicadores económicos do Concello de Santiago

08/09/2016 A concelleira de Economía e Facenda fixo unha valoración do informe da conta xeral de 2015 que levou esta mañá á Comisión de Facenda para o seu coñecemento e debate por parte dos voceiros dos grupos municipais. María Rozas destacou que o documento reflicte o incremento na liquidez, a redución da débeda por habitante e o incremento da solvencia a curto prazo.

María Rozas lembrou que a conta xeral "ten unha paternidade compartida, posto que fai referencia á situación económica do Concello durante o ano 2015, cuxos primeiros seis meses do ano gobernou o Partido Popular e os últimos seis Compostela Aberta". A concelleira de Economía e Facenda asegurou que "o Goberno fixo un importante esforzo na última metade no ano para que moitos dos indicadores recollidos na conta xeral fosen positivos, como por exemplo a porcentaxe de execución de investimentos, que non superaba o 5% nos primeiros seis meses do 2015 e que conseguimos elevar ata o 28%, a porcentaxe máis alta dos últimos cinco anos". A pesares de ser a cifra máis alta do último lustro, entende que "o obxectivo nos vindeiros anos pasa por seguir incrementando esta porcentaxe".

Así, a concelleira asegurou que "hai datos moi positivos, pero tamén algúns outros negativos que cómpre mellorar para o próximo exercicio, cando teñamos unha conta xeral que sexa 100% responsabilidade do actual Executivo". A conta xeral de 2015 amosa unha maior liquidez do Concello para facer fronte ás obrigas pendentes de pago e as facturas dos provedores, un incremento da solvencia a curto prazo e unha diminución do 60% do endebedamento por habitante, que pasa dos 697,58 euros de 2010 aos 424,72 do 2015.

Ademais, a conta xeral de 2015 reflicte tamén un exceso no teito de gasto dun millón de euros, resultado da incorporación dos remanentes, tal e como obriga a lexislación. Por mor disto, este incremento no teito de gasto non supón a adopción de ningún axuste nin medida extraordinaria.

Documentos relacionados



Compartir: