ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Case 200 nenos e nenas participaron no Programa Municipal de Conciliación de Verán

08/09/2016 O pasado xoves, 1 de setembro, comezou nos CEIP As Fontiñas e Raíña Fabiola a edición de setembro do Programa Municipal de Conciliación do Verán 2016. Un día antes do seu remate (mañá venres), o alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, compartiron uns minutos cos nenos e nenas asistentes e co equipo de monitores e monitoras.

O rexedor e o edil puideron coñecer polo miúdo a oferta de actividades ao longo destes días e constataron o grao de satisfacción en torno a un programa no que participaron 190 nenas e nenos de Santiago, cubrindo todas as prazas ofertadas. Do total, unha media de 36 participantes diarios usaron o servizo de comedor e 15 o servizo de madrugadores). Na quenda de setembro están participando 66 nenos e nenas (40 no CEIP as Fontiñas e 26 no CEIP Raíña Fabiola), dos cales 29 solicitaron o servizo de comedor e 12 o de madrugadores.

O Programa Municipal de Conciliación de Verán realizouse no mes de xuño (días 23, 27, 28, 29 e 30), durante todo o mes de xullo (do 1 ao 29, agás sábados, domingos e festivos) e no mes de setembro (días 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9 ), para atender as necesidades de conciliación das familias con nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela ou que están empadroados neste concello.

Este programa de actividades crea un espazo educativo e de promoción do tempo de lecer, ademais de ser un recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. O horario era de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, quen o solicitara previamente tivo a posibilidade de contar cun servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) no CEIP das Fontiñas e dun servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas) nos dous centros nos que se desenvolveu o programa.

Clausura lúdica e de sensibilización
Para pechar esta edición de verán do Programa Municipal de Conciliación, os pequenos e pequenas puideron gozar da compañía dos cans do Club de Cans de Familia "Só lles falta falar". Foi unha oportunidade para sensibilizalos sobre convivencia cos animais de compañía, completando a información que ao longo destes días se lle facilitou aos nenos e nenas sobre a tramitación para a adopción dun can ou sobre os coidados que precisan.

Estas cuestións serán a base dun programa de colaboración entre a Concellaría de Educación e Cidadanía e o Club "Só lles falta falar" que se desenvolverá nos centros de ensino de Santiago ao longo deste curso 2016-2017.

Compartir: