EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Últimos días para participar na IX edición dos recuperados premios "Educacompostela"

08/09/2016 O venres 16 de setembro remata o prazo de presentación de traballos para optar aos premios Educacompostela na súa novena edición. A Concellaría de Educación e Cidadanía e Nova Escola Galega recuperaron este certame despois de seis anos, co obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos poden estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poden tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria. Tamén se poden presentar materiais elaborados e destinados para o contexto non formal e informal.

Haberá un total de tres premios: un de 1.200 euros, outro de 900 e outro de 600, sumando un total de 2.700 euros. Os materiais presentados deben ser orixinais e inéditos, e estar elaborados e redactados en lingua galega. Non poden participar aqueles traballos que foran premiados con anterioridade. Cada material ou conxunto de materiais ten que ir acompañado dun texto explicativo dun máximo de 15 páxinas que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, integración no currículo, proceso de elaboración, experimentación e avaliación.

Pode participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados. Os orixinais para optar aos premios deben rexistrarse ou entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago. A data límite e o venres 16 de setembro.

O xurado estará composto polo concelleiro de Educación e Cidadanía, dous representantes de Nova Escola Galega, dous representantes do Departamento de Educación e Cidadanía, o director/a do Departamento de Didáctica da USC, un representante dos centros de formación e recursos de Galicia e un representante das editoriais.

Direcciones relacionadas



Compartir: