ALCALDÍA

O alcalde recibe os representantes do SUP

07/09/2016 O alcalde recibiu hoxe os representantes do Sindicato Unificado de Policía en Galicia e en Santiago. Foi unha xuntanza a petición do SUP, que quería informar directamente a Martiño Noriega das súas demandas en materia de persoal para a comisaría compostelá. Na reunión participaron o secretario do sindicato en Galicia, Roberto González, o vicesecretario, Abel Lobato; e o secretario do SUP en Santiago, Alberto Martínez.

O alcalde manifestou o seu convencemento de que todos os servizos públicos teñen que estar ben dotados, e lembrou que a cobertura de persoal "non depende só da vontade política, senón do marco global que lle afecta ás administracións públicas en relación á taxa de reposición". En todo caso, Martiño Noriega salientou a sensibilidade do Concello coas reivindicacións do SUP, deixando claro que "todos os parámetros demostran que Santiago é unha cidade segura e non hai motivos para a alarma".

Aproveitando a visita, os representantes do Sindicato Unificado de Policía informaron ao alcalde da decisión da Dirección Xeral da Policía de modificar os seus plans iniciais, de xeito que as Unidades de Intervención Policial continuarán en Compostela por un tempo indefinido, ante a elevada presenza de peregrinos e visitantes.

Compartir: