POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello porá en marcha a principios de outubro dous pisos para persoas sen teito segundo o modelo "housing first"

07/09/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, anunciou hoxe que a principios do mes de outubro estarán operativas dúas das tres vivendas municipais que o Concello cedeu en réxime de precario a FEAFES para a atención das persoas sen teito da cidade.

En cada un dos dous pisos que estarán habilitados na primeira semana de outubro convivirán dúas persoas que serán seleccionadas en base aos seus perfís a mediados do mes de setembro nunha reunión técnica da Mesa de Traballo e Coordinación das persoas sen teito. "Os pisos virán a completar os servizos que puxemos en marcha o ano pasado, coma os equipos de rúa de Cruz Vermella ou o acollemento en pensións, que xunto cos servizos de limpeza e a Policía Local se mantiveron nos meses de verán debido á maior entrada de persoas na cidade, sobre todo de transeúntes", engadiu a concelleira. De feito, hai un total de 13 persoas no programa de pensións, das que posiblemente se seleccione as catro que entrarán a vivir nos pisos de saída debido á necesidade de que teñan un vínculo previo en dispositivos de menor esixencia.

As persoas que entren nestas vivendas estarán supervisadas por persoal de FEAFES (unha educadora social e unha psicóloga), con maior intensidade nas primeiras semanas para facilitar a convivencia e a adaptación destas persoas e dotándoas de maior autonomía de forma progresiva.

Concha Fernández volveu chamar á corresponsabilidade da Xunta de Galicia na atención a estas persoas "porque é a administración que ten competencias en materia de vivenda e sanidade" e volveu reclamar unha estratexia galega integral e un centro de atención as 24 horas "para evitar que estas persoas volvan ás rúas e non se coordine co traballo que está a levar a cabo o Concello de Santiago". A concelleira lembrou que xa se dirixiu en varias ocasións por carta, tanto á Xunta de Galicia como ao SERGAS, para que se involucren na atención a estas persoas e se corresponsabilicen, "porque están nas nosas rúas, pero os recursos dependen da Xunta de Galicia".

Modelo "housing first"
O modelo que se seguirá é o "housing first" (a vivenda, primeiro), que entende que a inserción social pasa pola existencia dun recurso habitacional onde estas persoas poidan vivir temporalmente de forma autónoma axudadas por profesionais da entidade. Trátase dun modelo innovador e pioneiro en Galicia que se está a levar a cabo noutras cidades europeas. Deste xeito, son menos vulnerables ante outros problemas que padecen relacionados, por exemplo, coas adiccións.

Dos tres "pisos de saída" que se poñen a disposición de FEAFES con este convenio, dous serán para acoller a dous homes e o terceiro para acoller a dúas mulleres. Este convenio permite completar outras medidas habitacionais que se están a poñer en marcha dende o Concello, coma os convenios con hostais para o aloxamento das persoas sen teito.

Compartir: