POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello e as ONG galegas organizan un mes de actividades ao abeiro do programa de sensibilización "Compostela+Solidaria"

07/09/2016 O Concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a partir do 17 de setembro Compostela+Solidaria', un programa de sensibilización que ten por obxectivo dar a coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que dende aquí contribúen a mudar o mundo. E como a transformación social comeza desde o local, dende os barrios, levaranse a cabo máis de 30 actividades de balde, principalmente nos centros socioculturais da cidade.

Concha Fernández destacou que "Compostela é capital da solidariedade e por iso colaboramos dende o Concello na celebración deste tipo de actividades", mentres que a responsable da coordinadora, Lorena Seijo, engadiu que "a cidadanía ten que dotarse de capacidade de tomar decisións e facer as cousas dun xeito máis xusto".

É a primeira vez que o Concello de Santiago de Compostela e a Coordinadora Galega de ONGD colaboran para traballar conxuntamente na sensibilización da cidadanía compostelá sobre as causas e consecuencias da pobreza e as desigualdades globais. Tamén, para promover a responsabilidade individual e colectiva na transformación dun mundo no que hoxe 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema; no que as cifras de desigualdade non teñen precedentes; no que somos testemuñas do maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial e no que o actual sistema económico está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que levaron a nunha situación de crise ecolóxica.

A inauguración de Compostela+Solidaria terá lugar o 17 de setembro cunha Feira de Economía Social, un espazo de encontro para coñecerse, para aprender de forma lúdica, para debater, para atoparse con colectivos e persoas que apostan pola creación dun mundo máis xusto. Participarán 30 colectivos e organizacións que encherán a praza 8 de Marzo do barrio de San Pedro con venda de alimentos e artesanía; un almorzo de comercio xusto; unha charla sobre migracións forzosas; un programa de radio en directo; obradoiros con materiais reutilizables; contacontos; xogos cooperativos; un espazo de micro aberto para presentar proxectos sociais da cidade e un concerto final con Alberto Mvundi. Unha oferta para toda a familia e distintas as idades, porque a loita contra a desigualdade é interxeracional.

Pensar globalmente, actuar localmente
Ao longo dos 30 días de actividades, as ONGD da Coordinadora traballarán co obxectivo de por en valor a compromiso individual e colectivo como ferramenta indispensable para transformar a realidade. Para iso programáronse 35 actividades para todas as idades que promoverán a reflexión conxunta a través de obradoiros lúdicos, proxeccións de documentais, debates, charlas, actividades de rúa, exposicións, concertos… Serán espazos de convivencia nos que a cidadanía de Compostela poderá coñecer de primeira man a realidade dos países empobrecidos, os efectos positivos da cooperación ao desenvolvemento neses contextos e as posibilidades de contribuír e mudar cuestións globais dende o noso día a día e a nosa realidade máis próxima.

Documentos relacionados



Compartir: