TURISMO

Womex ofrecerá 45 concertos abertos ao público con artistas de 40 países

07/09/2016 Dende este mércores xa están á venda as entradas desde para o Womex Quintana Festival, que ofrecerá ao público compostelán e visitante 45 dos 60 concertos que acolle a maior feira do mundo da world music. Durante tres xornadas, poderanse ver seis concertos cada noite ao prezo de 20 euros.

Todos os últimos detalles de Womex foron detallados nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, satisfeita porque "Santiago de Compostela acolla por segundo ano o festival de músicas de raíz máis importante do mundo despois de ser a sede en 2014, tomando ademais o relevo dunha cidade, Budapest, que como a nosa é Patrimonio da Humanidade".

A concelleira engadiu ademais que "o apoio deste tipo de eventos resulta tremendamente positivo desde diferentes vertentes como a cultural, a económica ou a turística para converter Compostela no centro do panorama musical durante os días de celebración do Womex".

Cómpre lembrar que Compostela é a cidade máis pequena na que se instalou o Womex nos seus 22 anos de historia. Logo do éxito de 2014, a organización decidiu repetir aquí debido ás altas puntuacións dos delegados que participaron. Para a preparación da vindeira edición, xa hai máis rexistros a estas alturas que na mesma época de 2014, e os stands están esgotados.

Tamén participou na rolda de prensa a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quen salientou que "a oferta musical de Womex vai beneficiar non só ao Concello de Santiago, senón tamén o conxunto de persoas interesadas por estes estilos da provincia e mesmo do país. Sendo unha feira profesional é moi interesante que teña esta dimensión aberta ao público. Ademais, Santiago, capital de Galicia, convértese no centro das músicas do mundo e dialoga con elas en pé de igualdade por medio de propostas tan interesantes como as de Radio Cos, Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e Narf".

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que "a programación que presentamos evidencia a calidade e a diversidade da oferta cultural que ofrecerá en Galicia o encontro profesional e artístico máis importante das músicas do mundo". Tamén cualificou a reelección de Galicia como sede do Womex coma un recoñecemento ao traballo e ás capacidades demostradas en 2014, pero tamén ao prestixio actual da música galega e á fortaleza creativa da nosa industria musical actual.

Aposta polas vangardas
Do 20 ao 22 de outubro, a programación do Womex’16 estará tamén dispoñible para quen queira gozar da música que nos trae a maior feira de world music do mundo. Estarán abertos ao público neses tres días 45 concertos e 5 sesións DJ, con artistas procedentes de máis de 40 países e catro continentes.

Nesta ocasión, o Womex fai unha clara aposta polas vangardas en diferentes territorios de todo o mundo, cunha selección do mellor da escena emerxente que vai lanzarse a nivel mundial. É unha boa ocasión para que os amantes da música coñezan as expresións máis contemporáneas da música que se está a facer agora mesmo no mundo con base na raíz.

Da Península poderemos ver a Radio Cos, Xabier Díaz e Narf (Galicia), La Negra e El Niño de Elche (España), Nakany Kanté (Cataluña), Xarnege (País Vasco), Gisela Joao, Reyfado Lisboa e Throes + The Shine (Portugal). Do resto de Europa actuarán Okra Playground (Finlandia), Bella Ciao (Italia), Trad. Attack! (Estonia), NY Gypsy All Stars (Macedonia / Turquía / Grecia / USA), MHD (Francia), Oligarkh (Rusia), Ponk (República Checa), Vassvik (Noruega) e United Vibrations (UK).

A presenza de América, tanto do sur como do norte, é cumprida: Puerto Candelaria (Colombia), Bixiga 70 (Brasil), The East Pointers (Canadá), Delgres (Guadalupe / Francia), C4 Trio (Venezuela), Edmar Castaneda Trio (Colombia/EEUU), Bareto (Perú), iLe (Porto Rico), Quinteto Bataraz (Arxentina), Pascuala Ilabaca y Fauna (Chile), Les Tireux D’Roches (Quebec), Boogat e Quique Escamilla (México/Canadá), Nomade Orquestra e Anelis Assumpçao (Brasil).

África tamén estará presente, con artistas como Derek Gripper (Sudáfrica), Faada Freddy (Senegal/Francia), Mehdi (Marrocos), Bargou 08 (Tunisia/Bélxica), Noura Mint Seymali (Mauritania), Jupiter / Okwess (DR Congo), Kondi Band (Serra Leoa), José Mucavele (Mozambique), Trio Da Kali (Mali) ou H’Sao (Chad/Canadá).

Asia cada vez incrementa máis a súa presenza en Womex: Maïa Barouh (Xapón/UK), Black String (Corea do Sur), Dudu Tassa & The Kuwaitis (Israel), Adnan Joubran (Palestina/ Francia), Tulegur (China) e Maltese Rock (Xapón).

DJ Summit
Ademais dos concertos, na sala Capitol celebrarase o DJ Summit, que reunirá o venres 21 e o sábado 22 a varias promesas da mestura de world music. Son DJ Rachael (Uganda), Acid Arab DJ Set (Francia), El Remolón (Arxentina), H.A.T. (Morocco/USA) e DJ Satelite (Angola/Portugal).

Womex Quintana Festival
O maior escenario aberto ao público será a carpa situada na praza da Quintana, que traerá a oferta máis festivaleira, con seis concertos cada noite ao prezo de 20 euros. Alí poderemos ver a 18 bandas da Selección Oficial, elixidas por un xurado internacional entre as máis de 1.400 candidaturas chegadas dende todo o mundo.

Bono para os 45 concertos
Os máis fans da world music poderán asistir aos 45 concertos (nos escenarios da praza da Quintana, Auditorio Abanca, Teatro Principal e Salón Teatro) e 5 DJ sessions. Pero debido ao aforo limitado só están á venda 200 pases ao prezo de 55€.

Womex’16
Womex é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos (a maioría deles abertos ao público), ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. Como entidades patrocinadoras figuran o Concello de Santiago a través de INCOLSA, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a empresa Mahou.

Womex’16 será un dos eventos culturais máis importantes en Galicia dos últimos anos. Con el chega una nova grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Direcciones relacionadas



Compartir: