ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O curso 2016-2017 comeza con normalidade nas escolas infantís municipais

05/09/2016 O alcalde e o concelleiro de Educación e Cidadanía visitaron esta mañá as tres escolas infantís municipais, para coñecer como marcha o inicio do curso. Martiño Noriega e Manuel Dios achegáronse aos centros de Fontiñas e de Conxo, que contan con 61 prazas cada unha, e ao de Salgueiriños, que dispón de 123 prazas.

O concelleiro salientou a normalidade coa que comeza este curso, se ben as escolas infantís aínda están no período de adaptación "polo que as nais e pais deixan aos seus cativos un máximo dunha hora, para ir tomando contacto co centro e co profesorado. Manuel Dios quixo mandarlle unha mensaxe de ánimo ao persoal das escolas infantís municipais, e felicitalos polo traballo que desenvolven ao longo do curso.

Rede ben dotada
O concelleiro de Educación amosouse convencido de que "a rede de escolas infantís de Compostela está ben dotada", cos tres centros xestionados directamente polo Concello e que visitou hoxe, e os tres que xestiona o Consorcio Galego de Benestar (Tambre, Tras Parlamento e San Roque), que visitará a próxima semana.

Ademais, Manuel Dios lembrou que o Concello fixo un esforzo de investimento nas súas escolas, dentro do paquete de actuacións de mantemento que se executaron durante o verán. En concreto, investíronse 12.586 euros en diversas actuacións nas escolas infantís de Fontiñas, Conxo e Salgueiriños; e 9.355 euros nas escolas infantís consorciadas de Tambre, Tras Parlamento e San Roque.

Prazas
Manuel Dios explicou que "aínda non está totalmente pechado o proceso de matrícula, e non podemos saber con exactitude cantos nenos e nenas quedarán sen praza nas escolas infantís municipais, porque moitos deles están matriculados en varios centros ao mesmo tempo". O concelleiro indicou que as estimacións falan de que serán entre 100 e 140, e lembrou que se mantén unha reserva de prazas para atender situacións de emerxencia social.

Ademais, o edil mostrou o seu convencemento de que a situación mellorará no próximo curso, coa entrada en funcionamento da nova escola infantil que a Fundación Amancio Ortega construirá no barrio do Castiñeiriño, e que terá máis de 80 prazas.

Compartir: