FACENDA

Asembleas de debate dos Orzamentos Participativos para trazar propostas e poñer en común as necesidades dos barrios

03/09/2016 Os Orzamentos Participativos Compostela Decide, que continúan ata o 14 de setembro na fase de presentación de propostas, celebrarán a vindeira semana tres asembleas para poñer en común necesidades e ideas para barrios e zonas concretas compostelás. Nestes encontros, abertos a toda a cidadanía, calquera persoa ou colectivo poderá expoñer as súas propostas de investimentos, no caso de telas deseñadas, ou contribuír ao debate de problemáticas detectadas, propostas xa feitas e novas ideas para atallalas. Polo de agora están rexistradas na web dos OP.

As asembleas comezan o martes 6 de setembro na Casa das Asociacións de Cornes para a área Rural e continúan o mércores 7 no Centro Sociocultural do Castiñeiriño para a área Sueste (Sar, Pontepedriña, Restollal, Paxonal, O Castiñeiriño e Lamas de Abade) e o xoves 8 no Centro Sociocultural das Fontiñas para as persoas que pertenzan á zona Nordeste (As Fontiñas, Camiño Francés, Monte dos Postes, As Cancelas, San Lázaro, Amio e O Viso).

Todos os encontros comezarán ás sete e media da tarde e terán unha duración estimada de dúas horas.

Regulamento e material formativo
Xa está dispoñible na web dos Orzamentos Participativos (decide.santiagodecompostela.gal) o regulamento que fixa as regras de funcionamento dos OP para este ano, tras incorporar as achegas de asociacións, colectivos e persoas a título individual que participaron nas reunións do grupo motor.

A plataforma dixital, que permite facer propostas en liña e a través da cal tamén se poderán priorizar os orzamentos a partir do 27 de setembro, vai incorporando diverso material formativo sobre os orzamentos participativos no apartado Saber Máis.

É o caso do esquema (ver documento adxunto) que explica a dinámica xeral dun proceso de Orzamentos Participativos, dos axentes que interveñen e das distintas fases que atravesa, desde o deseño "dende abaixo", autorregulado polo grupo motor ata a fase de seguimento do estado das propostas de investimentos, unha vez feitas, contrastadas tecnica e economicamente, debatidas e priorizadas pola veciñanza.

Están dispoñibles tamén na web a entrevista en vídeo ao profesor emérito na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense, Tomás Rodríguez-Villasante, sociólogo estudoso e activista impulsor de procesos polas democracias participativas; ou as "pílulas informativas" relativas á participación da cidadanía na vida pública local (Recomendación do Comité de Ministros do Consello de Europa) e ás ferramentas da democracia participativa como modelo complementario á democracia representativa.

Compartir: