ALCALDÍA

O alcalde acode a San Xoán e Santa Cristina de Fecha para coñecer a situación dos lumes

12/08/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, achegouse esta mañá ás parroquias afectadas polos incendios forestais para coñecer de primeira man a situación dos lumes.

Martiño Noriega estivo cos veciños e veciñas de San Xoán e Santa Cristina de Fecha, as parroquias máis afectadas. Concretamente, visitou O Bachao, O Roxido, Fecha de Abaixo, Lamascal e Vilar do Rei. Posteriormente, compareceu en rolda de prensa para informar da situación. Tamén quixo "recoñecer a colaboración institucional destes días entre os medios autonómicos e locais, con Policía Local, Bombeiros e Protección civil despregados na zona e tamén o traballo do persoal de extinción de incendios".

O alcalde explicou que na medianoite do xoves para o venres quedara desactivado o nivel 2 de alerta, pero que os servizos de extinción mantíñanse aínda na zona para evitar un repunte do lume. De feito, durante o día de hoxe estanse a refrescar algunhas zonas onde a terra aínda desprende fume. O alcalde asegura que as hectáreas queimadas, segundo as últimas estimacións de Medio Rural, estarían entre as 800 e as 1.000, tanto no termo municipal de Santiago como de Ames.

Martiño Noriega destacou que "o modelo de extinción funciona razoablemente ben", pero quixo facer unha reflexión sobre a necesidade de adoptar un novo modelo de reforestación e de prevención que intente poñer en valor o noso monte. "Entramos no eterno debate de todos os veráns, sen dar a batalla sobre as hectáreas queimadas, senón máis ben sobre as persoas afectadas", subliñou.

Compartir: