FACENDA

Prioridades e necesidades de actuación en Santiago de Compostela orientan as propostas dos Orzamentos Participativos

10/08/2016 Xa está a disposición de quen o desexe en na web de Compostela Decide un documento resumo da asemblea de Cidade do pasado 28 de xullo. O documento contén unha diagnose das principais necesidades e prioridades de actuación no municipio compostelán, recollendo as ideas e propostas realizadas polas persoas participantes na asemblea que tivo lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. A través de dinámicas grupais, a xente participante foi achegando e agrupando por áreas aquilo que consideraron necesario ou prioritario para a capital galega, co obxectivo de bosquexar unha visión xeral da cidade antes de comezar a facer propostas máis precisas.

Calquera persoa maior de dezaseis anos pode apropiarse destas achegas e concretalas en propostas de investimentos ou de actividades para a mocidade. O prazo para a presentación de propostas está aberto ata o día 14 de setembro. A partir desa data haberá uns días para contrastar a viabilidade técnica das propostas, antes de priorizar as que resulten máis acaídas a todas aquelas persoas que queiran participar na fase de votación, sempre que estean censadas en Santiago de Compostela.

Para propoñer, tanto a nivel individual como en nome dunha asociación, hai que rexistrarse en decide.santiagodecompostela.gal ou participar de forma presencial nas asembleas que terán lugar a partir do 1 de setembro, e cuxas datas se irán anunciando na propia web de Compostela Decide, nos medios de comunicación e na web do Concello de Santiago.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: